publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Curtis súmase ao programa de vivendas baleiras para destinar a fins sociais os inmobles desocupados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+
Sinatura da adhesión de Curtis ao programa de vivendas baleiras

Sinatura da adhesión de Curtis ao programa de vivendas baleiras

A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe o convenio de adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia co alcalde do Concello de Curtis, Javier Francisco Cainzos, co que son xa 12 os municipios da provincia da Coruña que se adheriron a este proxecto, 20 en toda Galicia. A titular de Vivenda destacou que esta nova sinatura pon de manifesto o gran interese por parte das entidades locais en formar parte dunha iniciativa coa que o Goberno galego dá solucións reais e eficaces ás persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares se atopan en situacións de dificultade.

O obxectivo prioritario do programa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das administracións locais.

Ethel Vázquez subliñou que este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer, de 250 euros, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios. Segundo dixo, “trátase de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario”

A responsable de Vivenda do Executivo autonómico concretou que “as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que financiamos un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, co fin de dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios”.

Ethel Vázquez, “con este programa a Xunta e o Concello de Curtis estamos a dotarnos de máis recursos para protexer o dereito constitucional a unha vivenda, polo que hai que agradecerlle especialmente ao alcalde de Curtis a súa colaboración e o seu interese por crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social no seu municipio”.

Para Ethel Vázquez, é moi importante que o resto dos municipios de menos poboación sigan o exemplo de Curtis e colaboren con nós, porque aínda que son nas grandes cidades, onde se rexistra maior número de desafiuzamentos, tamén é importante que os Concellos de poboacións máis pequenas, se doten dos instrumentos necesarios para poder facer fronte a este tipo de situacións, porque estamos a falar de ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan.

Por outra banda, a conselleira destacou que o Programa de Vivendas Baleiras é unha oportunidade para que os concellos se sumen de forma efectiva contra os desafiuzamentos, sen facer investimentos, só poñendo os recursos existentes á disposición das familias con problemas e coas garantías que financia a Xunta.

Vázquez reiterou que segue sen entender por qué concellos como A Coruña e Ferrol non apoian este programa e como Santiago segue sen adherirse, despois de que dixeran hai meses que se sumaban e, agora, ignoren de forma reiterada todos os nosos chamamentos a asinar xa a súa incorporación.

“Desde o Goberno galego estamos a poñer todos os medios ao noso alcance para loitar contra os desafiuzamentos, polo que impulsamos un total de 12 medidas, entre elas, este Programa de Vivendas Baleiras un conxunto de actuacións que a Valedora do Pobo no seu informe de 2015, recoñece como máis ambicioso que o doutras comunidades autónomas”.

O convenio establece o marco de colaboración para mobilizar os inmobles baleiros con plenas garantías para os inquilinos e para os propietarios. O número concreto dependerá da dispoñibilidade de vivendas baleiras que identifiquen os concellos e tamén das necesidades de vivenda social de cada Concello.

24 de agosto de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.