publicidade hoxe

Covadonga Toca destaca en Vila de Cruces a importancia do cooperativismo no impulso do emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, aproveitou a súa visita á cooperativa Vicogalo, na localidade pontevedresa de Vila de Cruces, para destacar o papel que xogan estas sociedades laborais no tecido empresarial galego, contribuíndo a mellorar a competitividade das empresas da comunidade e a impulsar o emprendemento industrial.

Covadonga Toca destacou a relevancia que ten a economía social en Galicia, onde aglutina a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas. Neste sentido, recordou que se trata dun sector en auxe, con preto de 1.300 cooperativas activas en 2015, o que supón un 2,5% máis que en 2014. Así, a secretaría xeral de Emprego puxo como exemplo a Vicogalo, cooperativa dedicada á cría artesanal do galo de curral, que destaca por ofrecer un produto único baseado nun proceso de produción de calidade. Con seis socios traballadores e unha produción de 400 unidades ao máximo cada ano por explotación, Covadonga Toca sinalou que Vicogalo axuda á consolidación en Galicia dunha cultura emprendedora na que a innovación ten un papel protagonista.

A secretaria xeral de Emprego subliñou a importancia de seguir colaborando desde a Administración para contar cada vez con cooperativas de maior tamaño, máis innovadoras e que busquen abrirse a novos mercados, o que favorecerá a internacionalización do tecido industrial galego. Así, recordou que as compañías deste sector poden optar ao Fondo de Economía Social (FES), co que Xesgalicia achega financiamento ás compañías a través de préstamos desde 30.000 euros para realizar novos proxectos ou impulsar ao crecemento dos que xa están en marcha.

Nesta mesma liña, Covadonga Toca informou durante a visita a Vicogalo que o prazo para solicitar axudas a través do programa Aprol Economía Social continúa aberto ata o próximo 1 de setembro: “Trátase de axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas sociais traballadoras, así como incentivos para a posta en marcha de novos proxectos específicos para menores de 30 anos que fomenten o cooperativismo xuvenil”.

Ademais, a secretaría xeral de Emprego lembrou que existen apoios para a posta en funcionamento de proxectos entre entidades de economía social e de colaboración empresarial que aposten polo I+D+i, a comercialización ou a internacionalización; un programa de microcréditos para microempresas ao que poden acceder as cooperativas galegas; e a Rede Eusumo para que participen na identificación de proxectos que sexan viables e que consoliden emprego con base na economía social.

23 de agosto de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.