publicidade hoxe

Cotobade homenaxea ao gaiteiro Ricardo Portela no “Verán Cultural 2016”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+

O Concello de Cotobade vai render homenaxe, a título póstumo, ao recoñecido gaiteiro Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992) no marco da programación “Verán Cultural 2016”, que está a encher de actividades o municipio durante todo o presente mes de agosto. Esta homenaxe, que estará presidida polo alcalde, Jorge Cubela, celebrarase mañá ás 20.30 horas e incluirá, xa dende as 21.00 horas, un festival folclórico.

Deste xeito, o Concello de Cotobade pretende poñer en valor a figura e traxectoria dun dos persoeiros do municipio máis destacados do século XX cando está a piques de cumprirse o 25 aniversario do seu falecemento.

Ricardo Portela está considerado un dos grandes gaiteiros tradicionais de Galicia e ademais sempre se moveu lonxe dos círculos que consideraban este instrumento máis propio da exaltación patriótica que da composición musical. Portela, que emigrou a Venezuela a mediados de século, regresou e recuperou a súa carreira musical coa publicación de tres discos, todos eles con constantes referenzas ao seu municipio natal.

Así, en 1968 veu a luz “Irmáns Portela”, aínda que sería o seu segundo traballo, “Festa en Viascón” (1980), o que lle outorgaría moita sona nos círculos gaiteiros e musicais da comunidade. O seu derradeiro traballo foi “Alborada en Cotobade” (1990).

A homenaxe constará dun pequeno desfile polo centro do lugar da Chan ata chegar ao consistorio, onde se procederá a facer unha emotiva ofrenda a Ricardo Portela. Posteriormente, terá lugar un festival de música folclórica coa participación de todas as agrupacións do municipio: a Banda de Música de Tenorio, Os Afoutes do Canón de Pau, Os Trazantes de Tenorio e a agrupación folclórica Foula.

23 actividades no “Verán Cultural 2016”

A homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela enmárcase na programación do “Verán Cultural 2016”, que está enchendo o municipio de actividades, especialmente para os máis cativos, durante o presente mes de agosto. Así, o Concello programou un total de 23 actuacións e espectáculos, entre os días 11 e 22 de agosto, para dinamizar a parte central do verán.

Tras a homenaxe musical de mañá, a programación estival continuará o sábado coa Festa da Bicicleta (10.00 horas), o Día do Neno (16.00 horas) e a Festa da Escuma (20.00 horas) e o domingo coa final do Torneo de Veteranos (19.00 horas) e a actuación do Mago Paco (21.00 horas). Finalmente, o luns pecharase o “Verán Cultural 2016” coa representación da comedia musical “Os Rockenstein” (21.00 horas).

“Parécenos de xustiza poñer en valor e homenaxear a unha figura tan importante como Ricardo Portela. Aínda que se trata dun pequeno recoñecemento para os seus elevados méritos, cremos que se trata dun acto moi emotivo xa que parte da súa propia terra natal e esperta a unanimidade de todos os cotobadeses”, explicou Cubela, que destacou que o esforzo que está a realizar o Concello coa programación de verán “estase a ver claramente recompensado pola elevada afluencia de xente a todas as actividades e o bo sabor de boca que deixa cada evento”.

18 de agosto de 2016 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.