publicidade hoxe

‘Contos de verán’ para os cativos en Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Os nenos e nenas de Bueu poderán gozar este xoves ás 20 horas no Centro Social dunha sesión de “Contos de verán” a cargo da compañía Pinga Teatro.  Neste recuncho os contos toman vida ao seren interpretados e interactuando o público con eles, o que fai máis potentes os relatos, aderezados con algunha canción participativa e intervencións clownenses. A duración é de 55 minutos e vai destinada a un público familiar cun custe de 3 euros por entrada.

Presentación de libro e obradoiro no Museo Massó

Por outra banda, a Sala Domínguez Búa acolle a presentación do novo libro de Xaime Toxo, titulado Protexer o invisible, no que se recollen vinte e seis relatos sobre a metáfora da desaparición, das diferentes formas coas que se disfraza a extinción, do que foi e puido suceder doutra forma, os elementos ventureiros do destino, a continxencia do azar… Será a partir das oito da tarde.

E dende o Museo Massó continúan cos obradoiros dirixidos a nenos e nenas. Este xoves ás 12 horas é a quenda de “Atando cabos. Nós mariñeiros”, no que a redeira en activo Consuelo Martínez dará a coñecer as técnicas de confección das redes de pesca e os distintos tipos de artes. É necesario inscribirse previamente, aínda que a actividade é gratuíta.

24 de agosto de 2016 | 10:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.