publicidade hoxe

Comeza o XVIII Aberto de Tenis Concello de Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportes
A-
A+

Este xoves, dia 18 de agosto, tivo lugar na Fundación Cangas Deporte a presentación do XVIII Aberto de Tenis Concello de Cangas. O evento está programado entre o venres 19 e o domingo 28 de agosto, no Complexo Deportivo CEIP. San Roque, e transcorrerá en horario de 15:00 a 22:00 horas os días de semana e de 10:00 a 22:00 horas os fines de semana.

Estamos ante un clásico do verán en Cangas, cun número de participantes lixeiramente inferior ao de pasadas edicións, pero cun dos cadros de calidade máis significativos dos últimos anos (a maioría dos rapaces de entre 15 e 17 anos que participan atópanse entre os primeiros vinte postos do ranking galego de tenis).

O presidente do Club de Tenis de Cangas, Carlos González Jorge, destaca a calidade dos seus participantes, xuntando nun mesmo torneo ao presente, pasado e futuro do club. Participarán ao redor de 50 tenistas, 40 na categoría absoluta masculina e 10 na feminina, achegados dende diferentes puntos da xeografía galega.

O domingo rematará a fase previa e a partir do xoves da semana que ven entraremos na fase final. O domingo 28 procederase ás 13:30 horas á entrega de premios, que ascenden a 1840€, repartidos entre ambas categorías, e trofeos para as persoas campioas e subcampioas por parte do Concello de Cangas.

O Concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C. Chillón, valora positivamente que o aberto chegue a súa edición número XVIII e aproveita para convidar a toda a veciñanza a participar deste torneo tan competitivo de tenis neste agosto olímpico.

18 de agosto de 2016 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.