publicidade hoxe

Bueu aventúrase coa primeira Gholifesta, un evento de explosión de cor e música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCalendario
A-
A+

A concellaría de infancia e mocidade de Bueu, rexentada por Macu Rodríguez, organiza para a vindeira fin de semana un dos eventos estrela deste verán, a Gholifesta, unha explosión de cor que encherá de festa a zona da Banda do Río, emulando o festival da primavera ‘Holi’ que se organiza nos países hindús, e que se coñece polas súas cores e por ser a festa do amor.  Bueu súmase este sábado con este evento, que será presentado polo actor cangués Miguel Ángel Blanco, coñecido como Miguelho Blanco, quen animará esta xornada na que haberá bailes, música e moitos pos de cores, nun programa que se dirixe principalmente á adolescencia e que relaciona esa orixe coa nosa identidade.

A programación iníciase en torno ás 12.15cunha exhibición de zumba a cargo de Cardio Salud Bueu, e ás 13.15, o grupo de Baile Tribal e Bollywood, dirixidos pola canguesa Margarita Outeiral, presentarán o seu espectáculo. Tras un descanso para comer, ás 16 horas, terá lugar a sesión de DJs a cargo de Colectivo Matadero, coa explosión de cor, e ás 18 horas, poderase gozar dun directo do grupo de Bueu Dragon Wave.

A organización decidiu organizar un pack conmemorativo do evento, que ten un custe de 8 euros, e que consta de mochila con logo de evento, camiseta branca e catro bolistas de pos de cores.

A Holi é un evento orixinario da India, Nepal e outras rexións hindús, aínda que nos últimos anos se veu exportando a algunhas partes de Europa e América do Norte.

16 de agosto de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.