publicidade hoxe

As meigas regresan a Vilagarcía para o aquelarre anual no que haberá queimada, rosquillas e moita parranda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Meigas, magos, trasnos, druídas e seres máxicos de toda índole regresan este sábado a Vilagarcía para celebrar a tradicional Noite das Meigas. Este divertido aquelarre anual contará cos ingredientes tradicionais: queimada, rosqueillas, música e moita parranda. A festa promovida polo Concello conta coa colaboración e participación de 10 colectivos veciñais e culturais que serán os encargados de animar os poboados meigos habilitados en distintos lugares do centro da cidade.

O Concello encárgase da montaxe dos poboados e da loxística necesaria para que a ambientación estea a punto á tardiña. A Concellería de Cultura aporta os 600 litros de caña, o azucra, laranxas e café necesarios para elaborar a tradicional queimada que todos os poboados servirán de balde a partir da media noite. Tamén por deferencia de Cultura repartiranse 3.000 rosquillas entre os asistentes.

A carta gastronómica amplíase coas especialidades que cada entidade aporta a motu propio e que van dende os callos ata a tortilla, pasando por empana ou bica.

Os colectivos que participan na Noite das Meigas deste ano e os emprazamentos dos seus poboados son: o Noso Lar (Alameda), Fontefría de Guillán (Juan García), Malveiras de Carril (Praza de Galicia), A cantarela (Castor Sánchez esquina Avd da Mariña), A.C. Xeada de Cornaxo (Xardíns da Praza de España), Zona Aberta (esquina Valentín Viqueira coa Baldosa), Nós de Sobradelo ( Rey Daviña) Os Remolóns (Castelao fronte a farmacia Bermejo), AAVV O Souto de Rubiáns (Castelao) e A.C. Cantareiras Bulideriras de Fontecarmoa (García de Caamaño).

Coa caída do sol, bruxas, sapos e curuxas tomarán o centro de Vilagarcía para celebrar ó aquelarre máis esperado do ano: o da Noite das Meigas. Os poboados prenderán a música e abrirán as súas portas a partir das 22:00 horas co obxectivo de ir caldeando o ambiente e iniciar os preparativos da queimada. Ademais, na Praza de Galicia, a partir desa hora celebrarase o XX Encontro Folclórico Malveiras que este ano cambia de escenario para maior vistosidade.

Xa enfilando a medioanoite, a Praza de Galicia centralizará os actos coa lectura do conxuro da queimada e coa queima da bruxa, tras o cal comezarase a servir o brevaxe máxico da queimada entre todos os asistentes. 

25 de agosto de 2016 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.