publicidade hoxe

Ángeles Vázquez reúnese cos veciños de San Félix de Freixeiro en Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSanta Comba
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión cos veciños de San Félix de Freixeiro

Ángeles Vázquez na reunión cos veciños de San Félix de Freixeiro

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en Santa Comba cos veciños da zona de San Félix de Freixeiro para analizar a situación actual da concentración parcelaria da zona, que quedou caducada trala entrada en vigor da Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga), e así poder reactivar este proceso e beneficiar aos máis de 700 veciños que afecta.

Acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, a conselleira trasladoulles aos veciños que este proceso estaba en fase de acordo no ano 1983 pero que caducou ao non haber interese dos veciños neste proceso de reestruturación. Pasado o tempo, a Consellería ve preciso informar aos veciños da zona das posibilidades que hai en reactivar este proceso, o cal redunda en beneficio de todos.

Ángeles Vázquez trasladoulle aos habitantes de San Félix de Freixeiro que a reestruturación do territorio é un proceso importante para, entre outras cuestións, aumentar a base territorial das explotacións e darlles así máis rendibilidade. Ademais, a través das concentracións parcelarias mellórase a mobilidade entre núcleos de poboación e o acceso ás fincas e vivendas.

A titular de Medio Rural explicoulles aos asistentes que, actualmente, a rede de camiños principais está executada e que moitos deles aínda están en bo estado polo que o proceso sería aínda máis rápido. Porén, lembroulles que a decisión de seguir adiante coa reestruturación do territorio recae neles e no interese que teñan en que siga adiante.

Esta zona afectaría a unha superficie de 1.691 hectáreas pertencentes a 706 propietarios. Coa reorganización da superficie, pasaríase de 12.190 parcelas a 1.947 novos predios. Este proceso sumaríase ás 11 concentracións parcelarias xa finalizadas no concello de Santa Comba, o cal ten máis do 50% da súa superficie concentrado.

Plan de reestruturación

A Consellería do Medio Rural conta este ano cun orzamento de 22 millóns de euros plan de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Con esta achega preténdese seguir avanzando nos procesos de reestruturación abertos na nosa Comunidade, que afectan a unha superficie total de 119.003 hectáreas, co obxectivo de que todas estas zonas estean en disposición de seren rematadas nos próximos 4 anos.

23 de agosto de 2016 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.