publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta valora a iniciativa dos concellos de Portomarín, Guntín, O Páramo e Paradela para crear unha agrupación comarcal de Voluntarios de Protección Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuntínLugoO PáramoParadelaPortomarín
A-
A+

A Xunta de Galicia valora a iniciativa dos concellos de Portomarín, Guntín, O Páramo e Paradela para converter a Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Portomarín nunha agrupación comarcal que puidera atender aos concellos reunidos.

O director xeral de Emerxencias, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión en Portomarín cos alcaldes de estes concellos lucenses para coñecer de primeira man o funcionamento das AVPC destes concellos e así estudar a viabilidade da intención dos mesmos os de prestar un servizo mancomunado de protección civil que dea cobertura a todo o territorio.

Para a Xunta de Galicia estas iniciativas resultan de especial interese e son obxecto de apoio dado que permiten a prestación conxunta dun servizo que, prestado individualmente resultaría en moitos casos inviable, pola ausencia dun número suficiente de voluntarios e pola dificultade de dotar a agrupacións moi pequenas do material necesario para prestalo.

Desta maneira pódense levar a cabo as tarefas de protección civil en base aos principios de eficacia e eficiencia sempre desexados pero máis en contextos económicos como o actual onde a racionalización do uso dos fondos públicos debe ser obxecto fundamental da xestión das administracións.

Esta iniciativa únese a outras xa en marcha como son as que levan a cabo en nos concellos pontevedreses da Lama e Mondaríz, Mondariz –Balneario, Fornelos de Montes e Covelo. Ademais, tamén están comezando os trámites os concellos de Oia, O Rosal e a Guarda.

Na provincia de Ourense están traballando na prestación de servizos conxuntos a Asociación dos concellos de Cualedro e Monterrei; os concellos de Cortegada, Pontedeva e Padrenda; Laza e Castrelo do Val; Nogueira de Ramuín e Xunqueira de Espadañedo; así como Os Blancos e Calvos de Randín.

Pola súa banda, na provincia da Coruña, están traballando na prestación conxunta de servizos de protección civil os concellos de Ordes e Frades.

Esta iniciativa ten un especial interese porque ademais de prestar o servizo aos veciños préstaselle tamén aos miles de peregrinos que anualmente transitan polo Camiño Francés. Con iso preténdese mellorar esta atención e avanzar na liña do recentemente asinado convenio con sete agrupacións de voluntarios do camiño entre as que se atopa Portomarín

A AVPC de Portomarín foi rexistrada no ano 2012 e ten acadado un gran ímpeto nas actividades de prevención e intervención, no seu caso, das emerxencias, tanto no seu termo municipal como axudando aos concellos limítrofes.

Formación e axudas para o persoal voluntario
Dende o Goberno galego apóiase o labor do voluntariado de Protección Civil, en temas como a formación, axudas económicas para o funcionamento das agrupacións de voluntarios e equipamento cedidos aos concellos para a súa utilización polas ditas agrupacións.

Para iso, no 2015 iniciouse unha campaña de motivación do voluntariado que ten como obxectivo principal – a través do recoñecemento social -pór en valor o labor altruísta e solidario de todo o persoal voluntario que na actualidade forma parte das diferentes AVPC que cobren o territorio galego.

Así mesmo, a través desta campaña tamén se busca potenciar o voluntariado naqueles concellos que non dispoñen na actualidade de AVPC e estarían interesados en formala; así como reforzar e incrementar o número de voluntarios naquelas AVPC que así o desexen e reafirmar a todas as agrupacións que xa veñen funcionando correctamente.

Actualmente Galicia conta con 220 Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, das que 73 están na provincia da Coruña, 37 en Lugo, 65 en Ourense e 45 en Pontevedra, sumando entre todas un total de 4.527 voluntarios en toda a nosa comunidade. Este feito constitúe unha singularidade en todo o territorio nacional contribuíndo dun xeito clave a mellorar a seguridade dos cidadáns galegos.

30 de agosto de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.