publicidade hoxe

A Xunta promove a posta en valor da cultura inmaterial e urbana de Lobios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobios
A-
A+
Cecilia Vázquez na visita a Lobios

Cecilia Vázquez na visita a Lobios

A directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe as iniciativas que están a levar a cabo dous grupos informais de mozos e mozas no municipio ourensán de Lobios dentro do programa Iniciativa Xove. Unha visita na que Vázquez aproveitou para e animar á mocidade a perseverar na participación, xa que “cando un mozo ou unha moza protagonizades un proxecto asociativo, estades adquirindo unha serie de aptitudes interpersoais altamente importantes e valoradas”.

O grupo informal Xóvenes do Xurés desenvolve o proxecto “Mes da cultura arriana”, que ten como obxectivo a recuperación e posta en valor da cultura inmaterial da comarca, con obradoiros de oficios tradicionais, mostra de traballos comunitarios, de xogos populares ou de contos e lendas de tradición oral. Por outra banda, o proxecto do grupo Aires do Paraño de Lobios céntrase na difusión da cultura urbana entre os mozos e mozas do rural a través de talleres de graffiti, turntablim ou skateboard.

Así as cousas, a directora xeral destacaba esta mañá que “as políticas máis modernas e innovadoras en materia de Xuventude en toda Europa teñen como nexo de unión programas de educación non formal como Iniciativa Xove como medio para mellorar as competencias curriculares dos mozos e mozas”. De feito, lembraba a publicación este mesmo ano do Estudo da Universidade de Santiago sobre “Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”, que analizou cientificamente varios programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre eles Iniciativa Xove.

En dito estudo, os participantes deste programa valoraban sobre todo estas competencias adquiridas: adaptación con máis facilidade a outros ambientes culturais; relación máis fácil con outras persoas; disposición a asumir novas funcións e tarefas; traballo en equipo; e mellora na capacitación para a coordinación dun grupo de persoas. Nesta liña, a satisfacción xeral coa formación adquirida no caso de Iniciativa Xove foi do 82% e ante a pregunta de si recomendarían o programa, un 88% responderon afirmativamente. En canto á utilidade dos coñecemento adquiridos para o emprego, responderon positivamente un 76% dos participantes.

Cecilia Vázquez tamén explicou que “este programa está concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, se estimula o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas”.

Iniciativa Xove 2016

Este ano un total de 122 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas se benefician dunha achega conxunta de 546.000 euros, que a Xunta de Galicia pon a disposición da mocidade galega a través de Iniciativa Xove. Dos proxectos beneficiados con este programa, 68 corresponden a asociacións xuvenís e 54 a grupos informais de mozas e mozos. No caso da provincia de Ourense, os proxectos subvencionados por este programa son 22, 17 correspondentes a asociacións e 5 de grupos informais, cun investimento de 91.000 euros.

En liña coas recomendacións da Unión Europea, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que financiou proxectos de grupos informais, co fin de que a excesiva burocracia non sexa un impedimento para que leven a cabo os seus proxectos.

A directora Xeral de Xuventude lembrou que Iniciativa Xove financia o cento por cen dos proxectos de interese cun orzamento máximo de 5.000 euros, un 20% máis que na edición anterior. Así mesmo, todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, reciben un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida. “Isto permitiralles financiar o proxecto sen ter que poñer apenas cartos do seu peto, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas”, destacaba Cecilia Vázquez.

Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permitirá confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.

19 de agosto de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.