publicidade hoxe

A Xunta licita as obras de execución dun novo centro de saúde en Ares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia inicia hoxe o proceso de contratación das obras de execución dun novo centro de saúde para o concello coruñés de Ares. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos, que teñen un orzamento previsto de 2,1 millóns de euros e un prazo de execución de 15 meses. O prazo de admisión das proposicións dos interesados rematará o 19 de setembro, tal e como se recolle na resolución do DOG.

A Axencia Galega de Infraestruturas contratará e executará as obras por encomenda do Servizo Galego de Saúde, que aprobou o proxecto, que ten por obxecto a reforma e ampliación do centro de saúde municipal, infraestrutura básica para os veciños deste municipio.

O novo edificio construirase na parcela na que se sitúa o actual centro de saúde, no casco urbano da vila, e noutra traseira a esta (de case 600 m2) que foi cedida pola Administración local á Xunta para poder levar a cabo as obras.

A actuación pretende a ampliación e a modernización do actual centro de saúde, que duplicará o seu espazo e aumentará os seus servizos. O proxecto básico contempla planta baixa e primeiro piso, ademais dun soto, algo co que non conta o centro existente e que albergará as instalacións do edificio (calefacción, cadros eléctricos, grupo electróxeno, ventilación, etc.).

A superficie total construída entre as tres plantas será de 1.354 metros cadrados, dos cales 1.174 serán útiles.

Na planta baixa disporanse seis consultas, unha delas de pediatría, coas súas salas de espera, sala de historias clínicas, habitación de toma de mostras ou analíticas, e despachos, entre outras instalacións xerais.

Pola súa banda, na primeira planta habilitaranse tres consultas e dúas salas de enfermería coas súas respectivas zonas de espera, sala de educación da saúde, ademais doutras estancias coma despachos para xestión e coordinación, almacén ou consulta para matrona.

Importante mellora con respecto ás instalacións actuais

O futuro centro de saúde suporá o incremento de sete novos espazos importantes a nivel asistencial como por exemplo, unha consulta máis de medicina xeral, sala de educación maternal, sala de extraccións, sala de técnicas e sala polivalente.

A Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol destaca a importancia do espazo que se gaña e a mellora na súa accesibilidade. En definitiva, a construción deste novo centro de saúde permitiralles tanto os profesionais como os pacientes e usuarios dispor dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste concello coruñés.

Na actualidade, o centro de saúde de Ares atende un total de 4.811 tarxetas, das que 553 son de menores de 15 anos.

Está previsto un previo traslado dos e das profesionais do actual centro de saúde a un local, cedido polo Concello, para poder garantir a asistencia sanitaria á poboación de Ares, mentres se constrúe o novo centro.

23 de agosto de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.