publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega 100.000 euros para o acondicionamento da Praza Circular dos Tilos, en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Teo

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Teo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio achegará un orzamento de máis de 100.000 euros para o acondicionamento da Praza Circular no concello de Teo.

Así o ratificou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o tenente- alcalde de Teo, Xosé Ignacio Iglesias, coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello para a mellora deste espazo de lecer no municipio.

Trátase dunha actuación que se enmarca dentro do Plan Hurbe e que é acorde ao obxectivo de promover a execución de equipamentos urbanos municipais, co fin de dotar aos concellos dunha adecuada oferta de actividades de ocio, recreativas, culturais e de lecer, co fin de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

As obras consistirán na reordenación do arborado disposto na praza para achegar carácter ao conxunto, reubicación do mobiliario lixeiro e na demolición da vexetación existente no centro da praza para dar paso a un novo ámbito pavimentado, regular, plano e nivelado, que permita o desenvolvemento de actividades. Tamén se instalará unha cuberta.

Coa sinatura do convenio, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio xa pode iniciar a licitación das obras nas próximas semanas.

Plan Hurbe

O Plan Hurbe é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o Hurbe favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

19 de agosto de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.