publicidade hoxe

A semana que vén comeza o novo servizo de recollida de lixo e limpeza viaria en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Medio Ambiente, Julia Loureiro, anunciaron hoxe que o vindeiro xoves 1 de setembro entrará en vigor o contrato de servizos de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos (fracción, resto e selectiva) e limpeza viaria, comezando a traballar a nova empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, Urbaser. O novo servizo contempla unha serie de melloras e optimizacións que se espera repercutan moi notablemente na calidade de vida dos veciños e veciñas e na hixiene medioambiental municipal; así como na concienciación da poboación, fundamental para poder manter os óptimos resultados do servizo.

Na derradeira Mesa de Contratación, celebrada a pasada primavera, propúxose a esta empresa como adxudicataria, que foi a que obtivo a maior puntuación das oito empresas que se presentaron a este procedemento aberto. A rexedora local, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, coincidiron en destacar o importante labor da exeñeira municipal neste procedemento, así como o arduo e eficiente traballo levado a cabo pola mesma na redacción do prego de condicións.

Detalles do servizo

O presuposto anual do contrato é de 525.149,94 euros IVE incluído. A retribución liquidaráselle ó empresario mensualmente. Para a contratación dende a administración local esíxese solvencia do empresario tanto económica e financieira como técnica ou profesional.

Loureiro, edil de Medio Ambiente, explicou sobre este proceso que “despois de máis de dez anos de vixencia do contrato coa anterior empresa concesionaria, era momento de facer balance e análise, reforzar aspectos positivos, enmendar as deficiencias e formalizar un novo documento de directrices de actuación, no que se estableza un novo modelo de recollida de residuos e de limpeza pública axustado ás circunstancias actuáis do Concello de Mos”. Neste sentido declarou tamén que “preténdese establecer deste xeito unha base coherente para a definición da prestación conxunta do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria creando un modelo organizativo, tecnolóxico ou de xestión de maior eficacia e menor custe económico para este Concello”.

O prazo inicial de duración do contrato é de catro anos, a contar dende o día seguinte á formalización do mesmo. O prazo inicial poderá ser prorrogado por períodos anuais, por dous anos máis. A duración total do contrato, incluídas as súas prórrogas, non poderá exceder de seis anos. As prestacións que terá que desenvolver a empresa concesionaria serán recollida de residuos sólidos urbanos, fracción resto e orgánica, así coma a fracción selectiva (vidro, envases lixeiros, papel-cartón), traslado dos residuos á planta de transferencia ou xestor de residuos autorizados; recollida de residuos voluminosos e mobles, nas zonas indicadas para elo; aprovisionamento, instalación, limpeza, mantemento e reposición de contenedores destinados á recollida de residuos sólidos urbanos (fracción resto e selectiva) –a tal efecto deberase acometer unha substitución de todos os contenedores RSU de 800 litros de capacidade, así como de envases lixeiros, papel-cartón e vidro que estean en mal estado-; servizo de garda que permita intervir nos casos de emerxencias, ou realizar actuacións necesarias con motivo de festas ou eventos no Concello; servizo de concienciación cidadá mediante educación, marketing, publicidade , etc. para conseguir a mellora dos hábitos na poboación respecto á producción e tratamento de residuos.

No apartado de limpeza viaria a empresa concesionaria ten que realizar limpeza de rúas, beirarrúas, bordos, entorno de contenedores, parterres, zonas peatonais, etc.; baleirado das papeleiras instaladas e limpeza exterior e interior das mesmas, limpeza de herbas que crezan na vía urbana, baldeo e rego de vías públicas, limpezas de emerxencia como consecuencia de situación excepcionais tales como arrastres por choivas, vendavais, etc.; limpeza e transporte xestor autorizado de residuos e escombros vertidos de forma incontrolada e furtiva en terreos de dominio público e limpeza de mobiliario urbano.

O persoal mínimo que debe adicar ó municipio de Mos a empresa concesionaria será 1 xefe de servizo, 3 condutores, 5 peóns de recollida de residuos e 3 peóns de limpeza viaria. E o equipamento mínimo adicado a esta localidade deberá ser 2 vehículos de recollida de lixo, con caixa compactadora e cun peso non inferior a 16 toneladas, un vehículo recolector de recollida selectiva, un camión multivol-grúa, un vehículo para a recollida de poda, tres carros portacubos para a limpeza viaria, maquinaria apropiada para realizar o varrido mecánico e baldeo incluído na limpeza viaria, contedores, medios para a recollida de mobles e retirada de entullos, vehículos para o persoal encargado ou xefe de servizo, e demais material de útiles, vestiario, etc.

É obrigatorio para o empresario adxudicatario da concesión a realización dunha campaña informativa anual de concienciación cidadá que sufragará el mesmo orientada a aumentar a colaboración cidadá e á educación e concienciación cidadá sobre o medioambiente urbano, con especial atención a xoves e nenos, por iso ofertaranse actividades a realizar en centros educativos así coma asociacións veciñais. O deseño desta campaña informativa debe ser aprobado previamente polo Concello e perseguir os obxectivos de inculcar hábitos de reducción na producción de residuos, separación dos mesmos, utilización dos servizos municipais de recollida de voluminosos, e uso responsable de contenedores e iglús, incluíndo recomendacións para os hábitos de reducción.

A empresa concesionaria asume así mesmo o aprovisionamento, instalación, lavado, desinfección e mantemento de contedores que, en todo caso, dentro do primeiro ano de contrato deberán ser substituídos todos aqueles que se atopen actualmente en mal estado ou deteriorados. As frecuencias do servizo de recollida serán nas zonas urbanas diaria e nas zonas non urbanas días alternos na semana (mínimo 3 días) excepto domingos; e en caso de que coincidan dous festivos consecutivos, deberase realizar o servizo polo menos un dos días.

A recollida dos residuos voluminosos (mobles e aparellos domésticos) a veciños particulares e colexios farase na vía pública nas inmediacións dos contenedores máis próximos dos inmobles dos usuarios, previa solicitude dos interesados mediante aviso telefónico ao número habilitado ao efecto. A frecuencia mínima de recollida será unha vez por semana, todos os martes, pasándose ao día seguinte no caso de que ese día sexa festivo. O servizo realizarase en horario diurno a partir das 08.00 horas da mañá e os residuos se trasladarán ao Punto Limpo de Mos sito na Veigadaña. O servizo comprende tamén a recollida das distintas fraccións que separan os cidadáns en orixe e depositan en contenedores habilitados a tal fin, como son envases lixeiros, papel-cartón e vidro.

A limpeza viaria pública do Concello de Mos incluída neste servizo comprende beirarrúas, vías, prazas, polígonos industriais e zonas en xeral destinadas ao uso público, e se realizará conforme ás tarefas de varrido manual e mecánico, baldeo, limpeza e baleirado de papeleiras e servizos especiais de limpeza. A xornada laboral para a limpeza viaria será de luns a sábados, quedando libres os domingos e festivos cun horario de traballo de 08.00 horas a 15.00 horas de luns a venres e de 09.00 horas a 13.00 horas os sábados. Os servizos especiais de limpeza incluirán retirada de carteis, adhesivos e pintadas, limpeza de excrementos caninos, sumidoiros, manchas de aceite, graxa ou calquera outro material líquido nas vías públicas e lugares asimilables a elas, e recollida de follas caídas e podas.

23 de agosto de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.