publicidade hoxe

A Marea do Pobo cualifica a Xosé Manuel Beiras como “o gran intelectual”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaNarón
A-
A+
Europa Press

O deputado autonómico de AGE Xabier Ron, que concorre como número 3 da candidatura de ‘A Marea do Pobo’ pola provincia da Coruña ás primarias de En Marea, cualificou a Xosé Manuel Beiras como “o gran intelectual, persoa que soubo estar presente en todos os movementos de reivindicación social, de suma de esforzos”.

Sobre el, dixo que, a pesar de non ser candidato á presidencia da Xunta por esta formación política, “segue presente, está na coordinadora de En Marea e vai traballar como o que máis na campaña electoral, percorrendo Galicia e para que En Marea aumente as súas expectativas de cara ao 25 de setembro”. Ron sentenciou que “Beiras é un referente para todos e está presente”.

Ditas manifestacións realizounas Ron en Narón (A Coruña) onde presentou, con algúns dos seus compañeiros, as 25 propostas para liderar un goberno de esquerda desde o 25S, a través da candidatura de ‘A Marea do Pobo’.

O militante de Esquerda Unida tamén trasladou que este é “unha candidatura que reúne homes e mulleres con experiencia, cunha longa traxectoria de querer sumar e, sobre todo, restar dificultades”.

Así, incidiu en que entende que “En Marea é un proceso de suma”. “Por iso presentamos candidatura, tamén cun proxecto político para que se saiba que non só somos unha suma de persoas, senón que detrás de nós hai experiencia, idea de esquerdas, defensa dos servizos públicos e ben común, co obxectivo de derrotar á dereita de Feijóo”.

ELECCIÓN DOS INSCRITOS

Xabier Ron defendeu o proceso de selección dos integrantes da candidatura a En Marea, xa que “responde un pouco á expectativa de cada parte de querer sumar” e onde “no canto de querer facer un proceso a través do que serían as organizacións políticas e decidir unha candidatura, aquí o que se pretende é que sexa un proceso cidadán, aínda que todos compartan unha mesma idea, un mesmo fin, derrotar á dereita”.

Trasladan que entre as diferentes propostas “existen matices que non diferenzas”. “Por iso estamos a decidir agora ese espazo de confluencia e onde hai representantes da esquerda federalista, da esquerda nacionalista, así como xente sen experiencia na política institucional e que veñen do activismo”.

XERME

O deputado autonómico durante a presente lexislatura tamén trasladou que Alternativa Galega de Esquerda, foi “o inicio de todo este proceso, no 2012”. “Cando somos capaces de romper o que era un tabú, o lugar para sumar unha esquerda entendida como federalista cunha esquerda de corte nacionalista e mesmo independentista”, tras a unión de EU e Anova.

Respecto diso, valorou que AGE “soubo recoller constantemente cales eran as inquietudes da cidadanía, para constituír as mareas municipalitas”. “Penso que AGE está aí, foi a semente de todo este proceso de crecemento”, insistiu e destacou tamén como “moi positivo que se lograse integrar a Podemos”. “Que conformemos todos a marea galega e que estea no Parlamento con forza, oxalá podendo facer acción de Goberno”, apostilou.

16 de agosto de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.