publicidade hoxe

A Gholifesta terá carácter solidario con beneficios para a Escola María Soliña na India

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

A Escola de María Soliña na India, fundada no 2004 pola canguesa Neneta Herrero, será beneficiaria dunha parte do recadado no evento da Gholifesta, que se organiza este sábado en Bueu e que terá un carácter moi solidario, ademais de festivo.  En concreto, o evento, organizado pola concellaría de mocidade, doará un euro do recadado das vendas das bolsas promocionais do evento, que inclúen mochila co logo do evento, camiseta branca con logo e catro bolistas de pos de cores.

A idea é pois que a Gholifesta atraia a mozos e mozas, que se sentirán protagonistas dun evento organizado por e para eles, ademais de servir para axudar a un proxecto educativo e social como é esta escola, que ten como función ofrecer educación para nenos e nenas de familias pobres, na rexión de Odisha.

 A idea de facer a doazón a esta escola nace debido aos vínculos hindús que ten a Gholifesta e a que son un colectivo que traballa axudando aos máis necesitados no país hindú. A Escola de María Soliña na India conta nestes momentos con 300 nenos e nenas escolarizados, dos cales un pouco máis de 200 dormen, e sérvense arredor de 700 pratos de comida. A súa fundadora destaca que “un euro equivale a sete pratos de comida”.

Ademais tamén se desenvolven actividades paralelas como clases de música e de baile, obradoiros de costura… Na actualidade, e grazas ás máis de 300 persoas colaboradoras, a escola conta cunhas instalacións axeitadas e sólidas que abranguen dez aulas con amplos corredores cubertos, un obradoiro de costura con dez máquinas, dúas salas de profesorado, dormitorio para os visitantes, cociña e dez aseos. 

17 de agosto de 2016 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.