publicidade hoxe

A Garda Civil detén a un veciño de Gondomar tras provocar un incendio forestal nunha zona residencial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal PortadaSucesos
A-
A+

A Garda Civil detivo a un mozo de Gondomar ao que interceptou tras o inicio dun lume provocado a escasos dez metros de varias casas habitadas. Os feitos producíronse esta madrugada tras recibir a alerta dun incendio nas inmediacións do Barrio do Conde no municipio de Gondomar

A primeira patrulla do Posto Principal de Baiona-Nigrán desprazada ao lugar foi a que abordou ao home tras levantar as sospeitas dos axentes. Na zona traballaban xa os bombeiros do Grumir e un axente forestal, coa colaboración dos propios veciños, medorentos de que o lume alcanzase as vivendas. Os bombeiros localizaron cinco focos distintos de ignición nun pequeno tramo de non máis de medio quilómetro.

Ao tomarlle manifestación ao novo, os axentes percibiron incongruencias nas súas declaracións que ratificaron as súas sospeitas iniciais. Por iso foi citado no Posto Principal da Garda Civil de Baiona e acabou recoñecéndose autor dos lumes que prendeu pouco antes mentres percorría o camiño ao seu domicilio habitual, que está nas inmediacións.

A Garda Civil incautouse do chisqueiro co que presuntamente plantou lume ao longo da rúa Curros Enríquez así como da mochila que portaba e que estaba medio queimada. O detido chegou a facer fotos do incendio co seu teléfono móbil e borrou as imaxes ao ser descuberto, aínda que foron recuperadas por efectivos do Posto Baiona-Nigrán.

O detido, J.M.G.R., de 39 anos, ao que se lle imputa a comisión dun presunto delito de incendio forestal, será presentado nas próximas horas ante a autoridade xudicial competente.

30 de agosto de 2016 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.