publicidade hoxe

Xunta, Fundación Amancio Ortega e Concello de Santiago asinan o convenio que posibilitará a posta en marcha dunha escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio entre as tres entidades

Sinatura do convenio entre as tres entidades

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o director xeral da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, asinaron esta mañá na sede da FAO, un convenio de colaboración que permitirá a construción dunha nova escola infantil na capital galega, cun investimento por parte da Fundación Amancio Ortega -que sufragará a construción e o equipamento- de preto de 1,5 millóns de euros.

O futuro centro terá capacidade para atender a máis de 80 nenos de 0 a 3 anos, en 6 aulas -dúas para cada franxa de idade-, patio, comedor e outros espazos comúns.

A escola infantil estará localizada no barrio compostelán de O Castiñeiriño sobre unha parcela de titularidade municipal, que foi cedida para este fin ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Unha vez concluída a obra, deseñada de acordo co modelo creado por Elsa Urquijo Arquitectos para a FAO, o Consorcio e o Concello de Santiago serán os responsables da posta en marcha do centro e da súa integración na rede pública de escolas infantís de Galicia.

Coa sinatura deste convenio, a Fundación Amancio Ortega da un paso máis na execución do compromiso adquirido coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia en marzo de 2012, que supuxo o impulso da construción de nove escolas públicas, cun total de 750 prazas. Desas nove escolas programadas, tres delas están xa funcionando (Ferrol, Melide e Cambre), e o resto (Santiago de Compostela, A Coruña, Arteixo, Ourense, Lugo e Vigo), atópanse en distintas fases de desenvolvemento dos proxectos.

11 de xullo de 2016 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.