publicidade hoxe

Xunta e concello de Agolada colaboran para humanizar a rúa de San Pedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, colaborará co concello de Agolada para humanizar a rúa de San Pedro, un proxecto que se inscribe no Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego.

Co obxectivo de formalizar esta cooperación, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou hoxe un convenio de colaboración neste sentido co alcalde de Agolada, Ramiro Varela.

Os traballos, aos que a Xunta achegará preto de 60.000 euros, consistirán fundamentalmente na pavimentación con pedra granítica dunha tonalidade similar ao das fachadas das vivendas do entorno conseguindo, por tanto, unha harmonía e humanización da zona, outorgándolle un carácter predominantemente peonil.

Os Penedos de Agolada forman parte do conxunto histórico do núcleo urbano. Os viarios que o circundan, así como os que rodean a Casa do concello e á súa praza, foron obxecto de remodelación recentemente.

Plan Hurbe

O Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego, ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

27 de xullo de 2016 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.