publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xián Lois Alcayde faise co premio do I Concurso Balbino de Relatos

De esquerda a dereita: Manuel Núñez, Rosalía Morlán, Armando Requeixo e Ánxela Gracián

De esquerda a dereita: Manuel Núñez, Rosalía Morlán, Armando Requeixo e Ánxela Gracián

O Pazo de San Roque, en Santiago, acolleu a reunión do xurado do I Concurso Balbino de Relatos, constituído por Rosalía Morlán, en calidade de presidenta, Ánxela Gracián, como vogal, e Armando Requeixo actuando como secretario.

Logo da pertinente deliberación o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título “Camiños na sombra” e lema ‘Montegroso’. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Xián Lois Alcayde Dans.

O xurado estimou nesta proposta a orixinalidade e modernidade dos seus relatos, onde o rural galego é ollado cunha visión plenamente actual. As quince historias amosan unha elaboración estética indubidable, cun pouso de lecturas e homenaxes a autores da nosa e doutras tradicións, influenciadas tamén polo universo cinematográfico e musical. Son, estes, relatos por veces duros, onde tamén comparece certa violencia irracional, protagonizados por personaxes moi ben perfilados e con finais sorprendentes e impactantes, que fan da súa lectura unha experiencia do máis estimulante.

Así mesmo, o xurado quere salientar a alta participación nesta primeira convocatoria, na que concursaron trinta orixinais e onde se contou tanto con conxuntos de relatos coma con novelas, de calidade literaria estimable e gran riqueza léxica e fraseolóxica. Tamén se quere significar e agradecer o esforzo que a empresa Técnicas & Gramaxe e o seu selo Edicións Fervenzas (que será o responsable da publicación da obra gañadora) fan para que este certame sexa unha realidade, empeño no que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación e Universitaria, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vila de Cruces e Boqueixón, así como co apoio da Fundación Xosé Neira Vilas.

27 de xullo de 2016 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.