publicidade hoxe

Vilagarcía, Sanxenxo e Catoira acollen a obra ‘A lingua na boca’ esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraPontevedraSanxenxoVilagarcía de Arousa
A-
A+

Esta fin de semana Castelao chegará aos concellos de Vilagarcía, Sanxenxo e Catoira da man da obra de teatro ‘A lingua na boca’, que está a facer unha xira pola provincia no marco da programación teatral do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra. Será o sábado ás 21 horas na alameda de Vilagarcía, e o domingo ás 12.30 horas no Auditorio Municipal de Catoira e ás 22 horas na Praza de Pascual Veiga en Sanxenxo

‘A lingua na boca’ é unha obra creada especificamente para achegar de xeito contemporáneo e atractivo a figura de Castelao ao público actual botando man da música, do humor e da narración oral. Parte de textos do propio Castelao combinados con historias de creación propia sobre a vida e a traxectoria do autor pontevedrés de adopción. As historias acompáñanse de temas musicais e melodías tradicionais galegas actualizadas e interpretadas en directo con diferentes instrumentos como guitarra, contrabaixo, flautas e melódica. Cunha escenografía sinxela os dous intérpretes (os actores Fran Núñez e Brais Iriarte) van repasando as diferentes facetas do Castelao médico, debuxante, escritor e político, para amosarllas ao público dun xeito comprensible e suxestivo.

Segundo ten explicado o director da obra, Fran Núñez, trátase dun “espectáculo sobre Galicia e a súa lingua a través dunha achega contemporánea á obra de Castelao. Para nós Castelao é unha das principais figuras da historia da Galiza, porén, non é pasado, é presente e futuro. Dende esa premisa construímos un espectáculo que serve de homenaxe e de reflexión compartida sobre o seu legado, pois Castelao está máis de actualidade que nunca”.

28 de xullo de 2016 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.