publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Valentín García presenta o primeiro Plan de dinamización do galego no tecido económico en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Valentín García na presentación en Carballo

Valentín García na presentación en Carballo

“O económico, por relevancia social, constitúe un sector de vital importancia para a promoción do uso da lingua galega e é por iso polo que desde o Goberno galego instamos a unha aposta conxunta e decidida pola implantación do idioma na economía, como valor económico, como sinal identitario e como patrimonio de todos os galegos e galegas. Por este motivo, debemos concienciar as empresas de que o uso da lingua galega é rendible en termos económicos, xera empatía cos consumidores e favorece a cordialidade e o afianzamento nas relacións comerciais e empresariais”.

Con estas mensaxes nun auditorio ateigado de profesionais da lingua abriu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, esta mañá en Carballo o relatorio no que presentou o Plan de dinamización no tecido económico 2015-2020 no marco do ‘XII Curso de verán sobre dinamización lingüística. Traballando en lingua’, que arranca hoxe na localidade bergantiñá promovido pola Universidade da Coruña e polo departamento que el mesmo dirixe. Nel analizaranse durante dous días a situación do idioma no sector socioeconómico, os motivos desa situación e mais os factores condicionantes que a provocan e que poden ser tamén claves para mellorala.

Achegas de 135 axentes implicados

“Trátase do primeiro plan deseñado para desenvolver as directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega e avanzar así na promoción do uso do idioma propio de Galicia desde o sector económico”, recordou García Gómez, ao tempo que destacou que o documento “acordado e completado coas achegas de 135 axentes implicados no sector económico, por medio de numerosas conversas, encontros e reunións de traballo promovidas nos últimos meses, busca reforzar e consolidar o galego como valor engadido do ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”.

O responsable da política lingüística da Administración autonómica explicou polo miúdo o contido do novo plan, que aprobará o Consello da Xunta –órgano encargado de sancionalo- este mesmo mes, “e que articula un total de 84 medidas que incidirán no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde as 10 áreas que contempla o sector de aquí ao ano 2020”; “un cronograma de desenvolvemento e un amplo abano de medidas e accións que debemos considerar realistas e asumibles polos actores implicados desde o punto de vista da súa posta en marcha”, puntualizou García Gómez.

Un programa específico para o sector económico

O Plan de dinamización lingüística no sector económico 2015-2020 fundaméntase nas directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) que, para o sector cuarto (Economía), establece como obxectivos específicos crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais; e fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.

O contido deste primeiro plan sectorial para promover o uso do idioma na economía articúlase en 84 medidas –tanto específicas dun campo económico en particular como de carácter transversal- coas que incidir na promoción social da lingua desde a economía por medio das 10 áreas nas que se estrutura esta: hostalería, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo.

O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos.

Galego na RSE, na etiquetaxe, nas TIC ou nas normas ISO

De entre as accións que prevé a súa posta en marcha, cómpre destacar aquelas centradas na promoción do galego no ámbito da responsabilidade social empresarial (RSE), a formación lingüística de profesionais, a creación dun punto de información en materia de lingua destinado ás empresas, o impulso á etiquetaxe en galego e ás campañas publicitarias de promoción do consumo deste tipo de produtos co apoio especial en campañas de promoción que atendan á presenza do galego nas TIC e nos medios dixitais ou a posibilidade de obteren as empresas a certificación das normas ISO na lingua propia de Galicia.

Canto ao cronograma de implantación, contémplase un desenvolvemento paulatino en cinco anos, período no que se implementará progresivamente nas diferentes áreas, focalizando e concentrando a execución prevista nos diferentes ámbitos, por xunto ou por separado, en colaboración cos axentes implicados, con maior actividade durante 2016 e 2017. O plan establece un orzamento global de máis de 5.000.000 euros no seu desenvolvemento.

6 de xullo de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.