publicidade hoxe

Unha vintena de xóvenes procedentes de 4 países e 8 comunidades participan no campo de traballo “Natureza e patrimonio xunto ao mar” en Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+

Un total de 20 voluntarios e voluntarias galegas, doutras comunidades autónomas e do estranxeiro, danse cita en Vilanova de Arousa entre o 4 e o 15 de xullo para participar no Campo de traballo Natureza e Patrimonio xunto ao mar que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

A directora xeral visitou hoxe aos participantes que están a desenvolver tarefas de limpeza da Senda da costa do Terrón, sendeiro costeiro de gran valor ecolóxico e turístico, e de recuperación patrimonial no lavadoiro de Ousensa ademais de disfrutar de actividades deportivas náuticas e de visitas e obradoiros.

Cecilia Vázquez destacou que “os proxectos de voluntariado xuvenil, como este campo de traballo, supoñen unha magnífica ferramenta de educación non formal para a nosa mocidade”. En concreto, os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes. Así mesmo, fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países, e a relación intercultural como sucede neste campo no que participan mozos e mozas de China, Turquía, Francia, Italia ademais de 8 comunidades autónomas.

Esta iniciativa forma parte da Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que oferta na provincia de Pontevedra un total de 1.800 prazas. Ademais na provincia se desenvolven campos de traballo no concello de Cotobade e nas Illas Cíes. Os campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos da provincia ofertan actividades no albergue xuvenil As Sinas en Vilanova de Arousa, en Pontemaril (Forcarei) e na Illa de Ons (Bueu).

No total galego, na Campaña de Verán tomarán parte 9.046 mozos e mozas, un 6% máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas de entre 9 e 30 anos e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a creación de 900 postos de traballo de monitores e directores de tempo libre.

14 de xullo de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.