publicidade hoxe

Un total de seis sensores miden a calidade das augas e dos terreos provinciais nos castelos de Soutomaior e Sobroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPontevedraSoutomaior
A-
A+

A Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento de aplicacións medioambientais a través da constelación Humsat, xa instalou os seis sensores, recollidos neste proxecto, que miden a calidade das augas para uso doméstico e naturais (SmartWater) e a humidade dos terreos (SmartAgriculture) da provincia. Os dispositivos atópanse nas fincas dos castelos de Soutomaior e de Sabroso, este último na parroquia de Vilasabroso, no concello de Mondariz.

Nas últimas semanas, persoal técnico tanto da Deputación como da Universidade estiveron a realizar varias accións para asegurar o perfecto funcionamento dos aparellos. Como resultado destas operacións, procedeuse ao cambio de localización dun dos sensores do castelo de Soutomaior, despois de que a Universidade de Vigo comprobase que o seu funcionamento era correcto e que as oscilacións nos datos obtidos correspondían a un problema no emprazamento onde fora instalado, pero non do dispositivo. Ademais, ambas as dúas institucións traballarán nos vindeiros meses na adecuación da exposición dos dispositivos, para o que os intentarán cubrir con plásticos que os protexan das chuvias directas, unha circunstancia que podería alterar os datos especialmente durante os meses de inverno.

Os resultados recollidos polos sensores instalados ao abeiro deste convenio, ao que a Deputación de Pontevedra destina a cantidade de 120.000 € por ano de vixencia, transmítense por GPRS dende as tarxetas SIM que levan incorporadas cada un deles. Ata o momento todos os datos recollidos amosan unha situación de normalidade en termos de disolución de osíxeno, temperatura ou turbidez, ata o punto de que as augas non aptas para o consumo humano se atopan por debaixo do nivel máximo permitido de turbidez das augas si aptas para o consumo humano, que está situado en 5 NTU.

Estes datos, se ben buscan en xeral unha mellor calidade de vida de toda a veciñanza da provincia, son de especial interese para a mellora ambiental, a mellor prestación de servizos e, tamén, para a mellora das producións agrícolas e vitícolas.

A medida da calidade das augas dos embalses e ríos da provincia buscan acadar un nivel óptimo tanto nas augas de uso doméstico como das naturais. Ademais, o control do nivel hídrico das terras da provincia, con aplicación aos montes e zonas agrícolas –en especial as dedicadas á horticultura e á viticultura– ten como finalidades, entre outras, previr os incendios forestais e optimizar os recursos.

O proxecto de innovación e I+D responde aos obxectivos da institución provincial de mellora ambiental e da calidade de vida da veciñanza da provincia de Pontevedra, así como á colaboración con outras institucións que permitan levar a cabo estes fins mediante a investigación, o desenvolvemento de ferramentas e instrumentos e a innovación.

11 de xullo de 2016 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.