publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 22 areais galegos participarán no proxecto “Praias sen fume”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Presentación do proxecto "Praias sen fume"

Presentación do proxecto “Praias sen fume”

A praia Barbeira de Baiona acolleu hoxe o acto de presentación da Rede galega de praias sen fume, iniciativa posta en marcha pola Consellería de Sanidade para promover praias que respecten e coiden o medio ambiente.

Entre as razóns para escoller unha praia sen fume, Sanidade sinala que cada vez que prendemos un pitillo estamos poñendo en risco a nosa saúde e a dos que están con nós. Non podemos esquecer que o consumo de tabaco é a primeira causa de morbilidade e de mortalidade evitable. Non fumar na praia será un paso máis para conseguir unha sociedade sen tabaco para todos e entre todos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade lembra que é responsabilidade de todos contribuír a desnormalizar o consumo do tabaco da nosa sociedade. Así, o noso posicionamento e a nosa forma de actuar fronte ao tabaco debe ser claro e exemplarizante. A nosa mocidade ten que ver que o normal é non fumar. A praia é un lugar lúdico para disfrutar da familia, da parella, da natureza, e onde o fume do tabaco non ten cabida, sendo totalmente prescindible.

Tal e como se reflectiu no acto de hoxe, Praias sen Fume non ten un fin recadatorio, senón, educativo, de promoción da saúde e de proteción do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario.

Galicia pioneira

Segundo remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, este proxecto de Praias sen fume é o primeiro que se impulsa a nivel de toda unha Comunidade Autónoma, sendo Galicia, unha vez máis, pioneira dunha iniciativa no contorno da promoción da saúde e prevención da enfermidade.

Estamos a falar da elección libre das praias sen fume, sen multas nin vixilancia, sen carácter sancionador. En definitiva, “ademais de mellorar a limpeza dos areais, axudamos a concienciar á xente dun bo hábito de saúde” , dixo o conselleiro.

Almuiña subliñou que estamos a conseguir importantes avances no obxectivo de que a sociedade galega deixe de fumar. Así, na actualidade, fuma diariamente o 17,6% da cidadanía galega, mentres que esa porcentaxe no conxunto de España é do 24%.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego incidiu en que as cabichas dos pitillos tardan dez anos en degradarse no mar, máis tempo se se acumulan na área, e levan a pegada dos miles de compoñentes químicos que conteñen, tales como a nicotina ou o alcatrán, tamén tóxicos para a vida mariña. Así pois, unha praia sen fume contribúe, tamén, a previr este efecto sobre a nosa fauna.

Para rematar a súa intervención, Almuiña felicitou ao concello de Baiona por ser pioneiro nesta iniciativa.

No acto de hoxe interviron tamén o alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuiña, e o vicepresidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Aedac), José Palacios.

Listado de praias e concellos

Ata o de agora, o número de concellos que se sumaron a esta iniciativa son 17, para un total de 22 praias. Na provincia de Pontevedra, no concello de Baiona, as praias de Barbeira, Frades, Ribeira, Concheira e A Ladeira; en A Guarda, Area Grande; en Marín, Portocelo; en Nigrán, praia das Canas e praia da Madorra; e en Bueu, Area de Bon e Lapamán. Tamén se suma a esta iniciativa o Concello de Cangas, pendente de determinar a praia.

Na provincia de Lugo, no Concello de Barreiros, a praia de Coto; en Foz, A Rapadoira; en Ribadeo, Os Castros-Illas; e en Cervo, O Torno.

Na provincia da Coruña, no concello de A Laracha, a praia de Caión; en Miño, Perbes; en Oleiros, Bastiagueiro; en Ortigueira, Da Concha e Morouzos; en Ribeira, Río Azor; e en Boiro, Barraña. Tamén se suma a esta iniciativa o Concello de Valdoviño, pendente de determinar a praia.

1 de xullo de 2016 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.