publicidade hoxe

Un grupo de veciños de Sarria viaxan a Guerlédan con motivo do 18 aniversario da irmandade entre ambos os dous municipios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSarria
A-
A+

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo e a Presidenta da Asociación da Irmandade, Elvira Vila presentaron este xoves nos xardíns da Deputación as actividades que desenvolverán un grupo de veciños de Sarria irmandados dende fai 18 anos co municipio de Guerlédan, na bretaña francesa, cara a onde partirán o vindeiro mércores, 20 de xullo.

López Izquierdo salientou que “é un privilexio manter unha relación tan estreita co pobo de Guerlédan co que compartimos, debido ás nosas raíces, uns trazos identitarios comúns na personalidade, a idiosincrasia e as manifestacións culturais”. A cultura celta sempre estivo moi arraigada en Galicia e no carácter dos seus habitantes. Así o deixaron por escrito nas súas obras os autores do Grupo Nós durante as primeiras décadas do s. XX, con Vicente Risco á cabeza e a súa ‘Teoría do Atlantismo’.

A historia da relación vén de lonxe e débese a un xornalista de Láncara que residía na zona da Mur, na Bretaña francesa. Tras recoñecer as numerosas similitudes que unen os dous lugares, pensou na posibilidade de establecer un intercambio cidadán. Dende entón, hai 18 anos, son os bretóns os que veñen a Sarria nos anos impares e os lucenses van aló con motivo dos pares.

A propia Sonsoles Izquierdo participou no 2013 e 2015 nestes intercambios. Así, na rexión bretoa puido coñecer de primeira man as iniciativas de xestión do medio ambiente na zona. Mentres que cando os bretóns visitaron a nosa provincia invitounos a coñecer espazos naturais como a Reserva da Biosfera dos Ancares. “Dende a área de Medio Ambiente aproveitamos esta iniciativa para difundir o noso patrimonio en ámbitos internacionais. Ademais, mostrámoslles iniciativas de emprendemento e de desenvolemento rural”, apuntou a Deputada.

Pola súa parte, a presidenta da Asociación da Irmandade, Elvira Vila, explicou que “grazas a esta iniciativa, este verán participarán no intercambio unha trintena de veciños de Sarria de todas as idades, dende os 13 anos ata os 60, que gozarán durante unha semana dunha experiencia única”.

Un programa moi completo

O grupo de veciños de Sarria sairán en autocar o vindeiro mércores 20. Ese primeiro día farán unha parada para comer en Irún e pernoitarán na cidade de Poitiers onde, ao día seguinte, aproveitarán para visitar o parque de Futuroscope, un parque de ciencia e tecnoloxía, antes de poñer rumbo á Mûr de Bretaña. Neste punto xa os estarán esperando as familias que os acollerán durante a súa estancia en Francia.

O venres 22, está prevista a visita a unha empresa de reciclaxe de pneumáticos en Saint Guen durante a mañá, e pola tarde visitarán á Abadía de Bon-Repos, mentres que os rapaces esa tarde terán actividades de kayak, escalada e navegación no lago de Gerlédan. O día 23 pola mañá, realizarán unha visita ao bosque de Brocéliande e, pola noite, está programada unha festa de música celta, na que vai a actuar un grupo de Sarria, denominado Garabelo, xunto con outras bandas locais.

O día 24, está prevista unha xornada máis familiar, que rematará cunha cena de gala de todos os participantes neste novo intercambio da irmandade. Xa o luns 25, visitarán o museo de Resistencia da II Guerra Mundial en Saint-Connan e participarán nunha conferencia sobre a Guerra en Bretaña, mentres que pola tarde achegaranse a coñecer a localidade de San Quintín. O martes 26, poñerán o punto e final a esta visita e emprenderán a viaxe de volta. Pasarán a noite en Irún e o día 27 chegarán de novo a Lugo.

15 de xullo de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.