publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Tradición e novas tendencias compartirán protagonismo na V edición de Corazón da Artesanía de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+
Presentación de Corazón da Artesanía

Presentación de Corazón da Artesanía

Os oficios tradicionais e as novas tendencias vólvense a dar a man na Agolada durante a próxima fin de semana, do 8 ao 10 de xullo, na quinta edición de Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, evento organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no conxunto histórico-artístico dos Pendellos. Acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro; do alcalde de Agolada, Ramiro Varela; do presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manuel González; e do artesán José Manuel Salvado Sanín; a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, destacou que este ano o encontro ratifica a súa condición de referente anual para o sector. A ampla oferta de postos de artesanía complétase cos de alimentación e con xornadas e obradoiros para todas as idades. Entre as grandes novidades desta nova edición, destaca a presenza de dúas exposicións nas que se aposta por conxugar os oficios tradicionais coa creatividade e innovación dos deseñadores, e un concurso de fotografía a través da rede social instagram.

Sol Vázquez subliñou que os Pendellos de Agolada buscan este ano máis que nunca achegarse a todo tipo de público, co obxectivo de combinar a tradición dos oficios artesáns coas novas tendencias e o deseño. En concreto, a directora xeral de Comercio fixo especial mención a dúas exposicións, financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se poderán visitar neste entorno único e nas que colaboraron tanto artesáns como estudios de deseño.

Así, na exposición Auga, poderanse ver as obras creadas entre a Asociación de Artesáns da Terra Chá e o estudio de deseño santiagués Vermis Project. Formado por unha colección de cinco pezas inspiradas na Terra Chá, o elemento protagonista é a auga, que interactúa de diferentes xeitos con cada unha das obras. En cada peza conxúganse as técnicas e o saber dos oficios artesáns desta comarca lucense coa metodoloxía do Design Thinking que achegan os deseñadores. Neste caso, os obradoiros de artesanía da provincia de Lugo que colaboran son a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), o torneiro Vicente Ledo (Xermade), a oleira Pepa Lombao (Bonxe), a tecelá Noela Feal (Vilalba) e a bixuteira Iria Pigueiras (Vilalba).

A directora xeral de Comercio indicou que a segunda mostra, baixo o título Artesanía de Galicia para vivir o século XXI, combina a capacidade innovadora do estudo de deseño FrutoDS (Pontevedra) co saber facer da Asociación Galega de Artesáns, cos obradoiros de cerámica Alfonso Otero Regal (Viveiro, Lugo), de madeira Nudima e de tornería Artesanía Ferradáns (ambos da Estrada, Pontevedra), así como a colaboración da cesteira Idoia Cuesta. Neste proxecto que consegue mezclar o coñecemento, a metodoloxía e a creatividade de artesáns e deseñadores, a natureza é unha das liñas principais que inspiran os diferentes obxectos, realizados con materias primas naturais e que son de uso tradicional en Galicia.

A obra de Irene Grau

A quinta edición de Corazón da Artesanía tamén fomentará as sinerxías que existen entre a artesanía e disciplinas como a arquitectura e a arte a través do programa A longa sombra dalgunha cousas, que inclúe a exposición Blind Wall, de Irene Grau, e conferencias impartidas por arquitectos e artistas. Desde o venres e ata o domingo, de 11,30 a 21,30 horas, o antigo muíño-serra, na avenida do Concello, acollerá esta mostra de arte contemporánea que estará comisaridada por Álvaro Negro. Trátase dunha intervención pictórica sobre a arquitectura do muíño-serra ca súa metodoloxía habitual de traballo: a análise do espazo, a intervención in situ e a súa transformación a través da cor.

Este programa complétase o sábado 9 de xullo con tres conferencias. Ás 12,00 horas, Irene Grau e Álvaro Negro conversarán sobre a intervención da artista en Agolada e o conxunto da súa obra. Pola tarde, a partir das 17,00 horas, a arquitecta Rosa Rubio-Hernández impartirá a conferencia Once palabras para falar do vidro; e a continuación, ás 19 horas, o tamén arquitecto Carlos Puente Fernández disertará sobre A memoria como ferramenta do proxecto.

Formación

No antigo recinto da feira restaurado de Agolada, o público tamén terá unha vez máis a oportunidade de visitar os postos de artesanía. Nesta ocasión serán 44 representantes de máis de 20 oficios, como o téxtil, cestería, instrumentos musicais, xoiaría e ourivería, cerámica, zapatería, colareiras, marroquinería, elaboración de zocos, tellería, follalatería, forxa, figuras de pan, elaboración de redes e complementos, montaxe de moscas para pesca, elaboración de papel, cerámica e olería, tornería de madeira e talla en pedra. Ademais, estarán presentes 49 empresas alimentarias que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos; e a organización habilitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes e, como novidade este ano, instalaranse dous foodtrucks na praza do Concello, o que incrementará a oferta gastronómica.

Os que acudan a Agolada tamén poderán participar dunha oferta formativa que nesta ocasión estará centrada na restauración de cadeiras, a cestería, a ourivería e a encadernación, o afinado de gaita tradicional e a percusión tradicional. O obradoiro de Restauración e decoración de cadeiras será impartido pola artesá docente do CEARCAL, Ana González; Qué é unha xoia para ti?, pola ourive compostelá Susi Gesto; Introdución á encadernación copta impartiráo o artesán Pablo Otero, do obradoiro Pino Encuadernaciones; e Técnicas de cestería tradicional correrá a cargo do cesteiro vigués Antonio Suárez. Nesta ocasión, a música ocupará un papel destacado, pois ofrecerase un curso de afinado de gaitas dirixido por Daniel Bellón e un curso de percusión tradicional impartido por Kinhos Saburido.

Talleres para todas as idades

Co obxectivo de que a V edición de Corazón de Artesanía chega ao maior público posible, a organización preparou a maiores talleres gratuítos para iniciar a adultos e aos máis pequenos en diferentes oficios artesanais centrados na talla en pedra, a cerámica, o traballo co papel, a encadernación ou a gastronomía.

Para os nenos e nenas, a artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá o taller Elaboración e decoración de barquiñas de cartón; mentres que os artesáns de Vigo María José Martínez e José Antonio Carrera se encargarán da actividade Elaboración de papel e encadernación artesanal. A tarde do domingo, de 18:00 a 19:30 horas, no pendello O Paladar, a cociñeira do Restaurante Paprica de Lugo, Belén Morandeira, impartirá un obradoiro de elaboración de comida xaponesa para nenos e nenas de 8 a 12 anos no marco do proxecto Artesanía no Prato.

Para o público maior de idade, o artesán canteiro Marcos Escudero, do obradoiro M´Arte, impartirá obradoiros de talla en pedra; e para toda a familia tamén haberá a oportunidade de realizar obradoiros en conxunto, como o de Iniciación ao torno cerámico que impartirán os ceramistas Susana González (A Coruña), Antón Román (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo).

‘Artesanía no prato’

No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, entre as que destaca a de Susana Seivane, programada para o sábado ás 22:30 horas na praza do Concello; e a iniciativa Artesanía no prato, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega.

Os cociñeiros Javier Rodríguez Ponte Taky, Héctor López, Xoán Crujeiras e Antonio Rodríguez, acompañado do sumiller Bruno Lovelle, serán os chefs encargados de menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. A partir destes showcookings, as pezas de artesanía incorpóranse aos menús como unha nova maridaxe, imprimíndolle un valor engadido á propia gastronomía.

Certame de fotografía nas redes sociais

A directora xeral de Comercio destacou que, dentro do obxectivo de divulgar a artesanía entre todas as idades e facer ao público protagonista do encontro, unha das grandes novidades é a celebración dun concurso fotográfico en instagram, que premiará a mellor fotografía feita no evento.

As imaxes, tomadas durante a celebración do encontro de artesanía, deberán amosar o ambiente do certame, o traballo dos artesáns ou das pezas expostas. Os participantes, que terán que seguir a conta oficial de Artesanía de Galicia (@rtesania_de_galicia), publicarán as fotografías coa etiqueta #VCorazóndaArtesanía entre os días 8 e 10 de xullo.

Cada concursante poderá enviar tantas imaxes como desexe e a fotografía gañadora será a que reciba máis likes ata as 23.59 horas do 10 de xullo. A persoa gañadora levará un lote de produtos de Artesanía de Galicia.

Transporte gratuíto

Un ano máis, poñerase á disposición dos visitantes unha zona de acampada gratuíta, así como un servizo de autobuses de balde que unirá Agolada con Lalín e Melide. Os autobuses sairán o sábado e o domingo da praza da Marina de Lalín ás 12:00, 17:00 e 20:00 horas, cara a Agolada (avenida do Concello, 69), e volverán ás 16:45,19:30 e 00:30 horas. O venres os horarios serán ás 17:00 e as 20:00 de Lalín e ás 19:00 e ás 00:30 dende Agolada.

Desde Melide, os autobuses sairán o sábado e o domingo do cruce coa estrada de Agolada ás 13:00 e ás 18:00 e volverán desde Agolada ás 18:45 e ás 23:45 o sábado e ás 18:45 e ás 21:30 o domingo. O venres o servizo sairá ás 18:00 de Melide e volverá ás 23:45 horas.

A organización de todas estas actividades de divulgación e posta en valor dos oficios tradicionais na V edición de Corazón da Artesanía de Agolada forma parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento dos artesáns galegos e consolidar un sector competitivo e transversal.

4 de xullo de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.