publicidade hoxe

Soutomaior asina un convenio de colaboración para reformar o parque infantil de Arcade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Beatriz Mato asina convenio co alcalde de Soutomaior

Beatriz Mato asina convenio co alcalde de Soutomaior

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reformar o parque infantil situado na explanada do peirao de Arcade, co fin de adaptalo ás esixencias que demanda a poboación.

Os traballos, nos que a Xunta investirá preto de 60.000 euros, basearanse principalmente na demolición e escavación para a nivelación do terreo e a construción dunha soleira de formigón armada para as instalación dos equipamentos.

Sobre a soleira, implantarase un pavimento de caucho continuo, cun grosor medio de catro centímetros. A continuación, procederase á montaxe e colocación dos xogos.

Plan Hurbe

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

22 de xullo de 2016 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.