publicidade hoxe

Sométese ao trámite de información pública o proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-331 en Atín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista ao longo da estrada autonómica PO-331 na zona de Atín, no Concello de Mos. No seguinte enlace pódese consultar a información relativa ao anuncio que publica hoxe o DOG: http://goo.gl/qqaf50

Este documento sométese a información pública durante trinta días hábiles, dende o día seguinte á publicación deste anuncio no DOG, para que se podan formular as observacións precisas. A exposición ao público, aos efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (Rúa Fernández Ladreda, 43-1º-4º – 36071 Pontevedra) e na Casa do Concello de Mos (Rúa Reguengo, s/n, 36416 Petelos,Mos, Pontevedra) e de Porriño (Rúa Antonio Palacios, 1, 36400 O Porriño, Pontevedra).

A senda contará cunha lonxitude de 920 metros, que implicará un investimento de 450.000€ cuns fondos que a día de hoxe xa están garantidos para a execución da actuación dentro do Plan de Sendas de Galicia. Deste modo, farase posible a comunicación peonil das vivendas e núcleos máis próximos a este treito da PO-331 coa capitalidade do concello de Porriño, e dotará dun novo acceso peonil e ciclista, directo dende a estrada autonómica, ao colexio público de Atín.

A sección que se vai executar contará cun firme de formigón con cor e garantirá un ancho mínimo de 1,8 m libres para o tránsito. Isto permitirá que as persoas que se despracen pola senda teñan un espazo suficiente como para transitar e cruzarse comodamente.

Para poder acometer a actuación será necesaria a expropiación de 1.453 m2, cun custo estimado de adquisición dos terreos de 10.152 €. Para elo, o documento que se somete o día 29 a información pública inclúe a relación de bens e dereitos afectados pola actuación.

Actuacións complementarias de mellora da estrada

A maiores da senda en si mesma, mellorarase a seguridade viaria e a funcionalidade da propia estrada con actuacións complementarias importantes en canto á súa transcendencia:

• Destaca o novo acceso peonil e ciclista ao colexio de Atín, directo dende a estrada PO-331, cun ancho de 3 metros e 200 de lonxitude.
• Mellorarase a intersección da estrada de Pereiras, habilitando un cambio de sentido que mellora a funcionalidade da PO-331.
• Habilitaranse rebaixes nos treitos existentes de beirarrúa da marxe dereita da PO-331.
• Instalarase un colector de saneamento que permitirá conectar as vivendas da zona co sistema de saneamento do Louro.

Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a execución de 170 quilómetros de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe ata 2020. Os itinerarios propostos para a comarca de Vigo foran presentados o pasado 16 de marzo pola Conselleira de Infraestruturas e vivenda, e suman 12 quilómetros en 11 novas sendas. Como se indicou naquel momento, encargáronse os proxectos construtivos das actuacións e agora iníciase a tramitación do correspondente á senda da PO-331.

29 de xullo de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.