publicidade hoxe

Sarria acollerá a máis dun milleiro de persoas no concurso Nacional Hípico de Saltos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaSarria
A-
A+

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, o organizador da proba, Jaime Capellá, xunto con outros patrocinadores, presentaron este mércores nos xardíns da Deputación o III Concurso Nacional de Saltos de Sarria, que se celebrará dende o 8 ata o 10 de xullo, e que será puntuable para a proba da ruta Astur-Galaica 2016.

Rivera Capón salientou que este tipo de eventos deportivos son fundamentais para promover a hípica entre os mais novos e achegala a todos os públicos. “Sarria será por uns días un auténtico referente do mundo do cabalo, por iso é necesario este tipo de iniciativas, xa que contribúen a fomentar o deporte e dinamizar a vila de Sarria”. Anunciou que xa hai máis de 200 inscritos nas diferentes probas, unha cifra que supón un autentico récord de participación. O organismo provincial fai unha aportación de 1.800 euros para o desenvolvemento desta actividade.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, avanzou tamén que a Deputación colabora dende o CENTRAD coa cesión de pezas elaboradas polos propios artesáns, que serán entregadas aos gañadores da proba. A Fundación TIC elaborara unha ampla reportaxe para difundir o evento a través das redes sociais.

Un espectáculo impresionante

A Alcaldesa de Sarria, agradeceu aos organizadores do evento esta iniciativa, que está xestionada por unha asociación sen animo de lucro. “Este ano xa celebramos a terceira edición, e esta é unha boa noticia para Sarria, xa que dende o Concello apoiaremos sempre este tipo de propostas que contribúen a promover a nosa vila, e colocala nun lugar privilexiado no mundo da equitación”. Por último, convidou a toda á cidadanía a achegarse a Sarria durante esta fin de semana. “Este evento é un espectáculo impresionante que cada día atrae a máis público. Estamos orgullosos de poder colaborar na súa celebración”.

200 cabalos inscritos e 900 pernotacións reservadas

Jaime Capellá, organizador do Concurso, explicou que coa realización desta proba preténdese dar a coñecer a vila, a Comarca e o Camiño de Santiago. “Nestes intres, xa hai mais de 200 cabalos inscritos e máis de 900 pernotacións reservadas durante esta fin de semana en toda a Comarca. Queremos que este concurso sexa un referente no Camiño de Santiago”, remarcou.

Sinalou que este ano a proba contará con varias novidades tecnolóxicas, como a implantación de pantallas interactivas touch, para emitir información de patrocinadores e vídeos dos participantes. Ademais, a proba retransmítese en directo pola web: www.ecuestreonline.es/com, o que contribuirá a proxectar aos 12.000 usuarios desta canle a emisión en vivo deste certame.

Sarria será por terceiro ano consecutivo a sede dunha proba CSN2, na disciplina de salto de obstáculos, que nesta ocasión será o 1º dos tres concursos que forman a Ruta Astur Galaica 2016, que repartira importantes premios.

6 de xullo de 2016 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.