publicidade hoxe

Refórzase a loita biolóxica contra o chancro do castiñeiro intensificando as medidas de control sanitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiós
A-
A+
Ángeles Vázquez supervisa os traballos contra o chancro castiñeiro en Riós

Ángeles Vázquez supervisa os traballos contra o chancro castiñeiro en Riós

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, supervisou hoxe os traballos de loita biolóxica contra o chancro do castiñeiro no concello ourensán de Riós. Neste acto, no que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Francisco Veiga, a titular de Medio Rural destacou que o seu departamento realizará nos vindeiros meses unhas 34.000 inoculacións de cepas hipovirulentas do fungo Cryphonectria parasitica nas árbores para provocar a súa cicatrización espontánea. Nesta visita tamén estiveron presentes os alcaldes de Vilardevós, Manuel Cardoso, e A Gudiña, José María Lago.

A conselleira lembrou que Medio Rural traballa dende o ano 2003 no desenvolvemento dun programa de loita biolóxica para o control desta doenza, co obxectivo principal de mellorar e conservar o patrimonio natural dos soutos de Galicia. Neste contexto, salientou que a nosa comunidade é líder dentro de España en produción de castaña, unha actividade que xera –dixo– arredor de cen millóns de euros anuais en volume de negocio.

Para facer fronte ao chancro do castiñeiro mediante o control biolóxico, a Consellería levou a cabo máis de 50.000 inoculacións no período 2011-2015, sendo os concellos ourensáns de Manzaneda, Viana do Bolo, A Mezquita, Vilardevós, Rubiá e Riós nos que se realizou o maior número destas actuacións. Trátase de utilizar cepas chamadas “hipovirulentas” do fungo, que son aquelas que provocan a cicatrización espontánea dos chancros activos ao seren inoculadas no punto de infección.

Para a realización destas labores durante os anos 2016 e 2017 a Xunta destina preto de 750.000 euros, que forman parte dun orzamento máis amplo (1,6 millóns de euros) centrado na sanidade vexetal no eido forestal.

A conselleira destacou tamén que o fomento do cultivo de castañas por parte do Goberno galego ten diferentes vertentes. Ademais desta defensa sanitaria –que se complementa coa loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro–, actúase mediante axudas para a plantación de árbores desta especie. Este ano investiranse 2,6 millóns de euros que permitirán plantar unhas 1.000 hectáreas.

6 de xullo de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.