Raquel Arias supervisa as obras de mellora no campamento xuvenil da Devesa
A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, supervisou hoxe os traballos de mellora que se están a desenvolver nas instalacións do campamento da Devesa e aos que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado dedica un orzamento de 155.715 euros.
As obras consisten no arranxo das cuberta dos dous pavillóns, nos que se renovou a instalación eléctrica e contraincendios e que nos próximos días procederanse a pintar integramente.
A reparación de fisuras e pintado exterior dos servizos sanitarios; mellora de beirrarúas, comedor, cociña e almacéns anexos; a sustitución da porta de entrada á instalación e o asfaltado e pintado da pista fútbol sala completan as obras acometidas nas dependencias e que son continuidade das efectuadas en decembro do pasado ano. Nese caso tratouse de varias reparacións, fundamentalmente dos servizos sanitarios, de menor envergadura e que supuxeron un coste de preto de 20.000 euros.
Raquel Arias, que durante a visita estivo acompañada, entre outros, polo alcalde de Ribadeo Fernando Suárez e responsables da empresa construtora, asegurou que está previsto que “en breve” rematen as obras. En calquera caso, segundo dixo, “todo estará a punto para acoller ós mozos que a partir do 1 de agosto comenzarán a chegar ás instalacións para participar no campamento multiaventura que, repartido en cinco quendas, estará operativo ata o vindeiro 5 de setembro”.
Dadas as posibilidades da instalación realizaranse actividades que combinan o mar e a natureza: actividades naúticas (surf, kaiak-surf, bodyboard, snorquel),escalada en rocódromo, tiro con arco, obradoiros de conservación do medio e stopmotion/flashmobe, e sendeirismo para coñecer a riqueza natural da Mariña lucense.
En total, ofértanse 480 prazas para mozos de entre 10 e 14 anos. Ás que hai que engadir, no que atinxe á comarca da Mariña, as 520 prazas en cinco quendas das que dispón o albergue xuvenil de Area, en Viveiro, e no que xa se está a desenvolver un campamento mariño e náutico dende o pasado 21 de xuño.
Vela, táboa, wakeboard, kaiak, skimboard, paddelsurf ou snorquel, xunto con actividades de aventura, como tiro con arco ou xeocaptura, ademais de visitas a lugares de interese, obradoiros e veladas nocturnas constitúen as actividades que conforman o programa previsto no albergue de Area.
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta máis de 1.900 prazas de campamentos e campos de traballo na provincia de Lugo durante este verán, que supoñen un investimento de máis de 620.000 euros e a contratación, segundo lembrou a delegada, de arredor de 350 persoas entre monitores, persoal sanitario, persoal de cociña, limpeza e mantemento de instalacións. “Non hai que desdeñar, en consecuencia”, resaltou, “o elemento dinamizador económico e social que supoñen estas atividades para as localidades onde se desenvolven”.