publicidade hoxe

Posta en marcha do plan de mellora da área do lago Castiñeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, avanzou esta mañá que a Consellería de Medio Ambiente acaba de poñer en marcha o plan de mellora na área do Lago Castiñeiras en Marín, seguindo a liña do acordo ao que se chegou coas comunidades de montes e os concellos deste entorno.

Tal e como apuntou Cores Tourís, nas últimas horas visitaron a zona os técnicos da empresa adxudicataria dos traballos e os da Xefatura Territorial de Medio Ambiente para executar o replanteo das melloras, que se iniciarán a próxima semana.

“A gran cantidade de auga superficial no entorno do lago de Castiñeiras-Cotorredondo invita a creación de novas infraestruturas viarias evitando as zonas encharcadas ou mellorando as infraestruturas viarias existentes”, explicou o delegado territorial, “e para iso é necesaria a clasificación das vías para a súa construción ou repaso das existentes para a súa explanación”.

Deste xeito, a reparación dos camiños existentes e a creación dos novos contribuirá positivamente a delimitación das superficies ocupadas polas distintas coleccións no interior do xardín botánico.

Os traballos consistirán na explanación dos camiños interiores desta área, eliminando previamente a vexetación e aplicando unha capa de zahorra compactada para evitar a erosión dos camiños pola auga, o que garantirá unhas condicións mínimas de estabilidade. Para rematar, incluirase a construción de cunetas e a instalación de elementos destinados ao drenaxe lonxitudinal que recollan e canalicen a auga procedente de augas pluviais caídas sobre a explanación. En total, actuarase sobre 3.200 metros cadrados e achegaranse 320 metros cúbicos de zahorra.

As obras tamén suporán a instalación de pasos que faciliten o tránsito polo interior do xardín debido a gran cantidade de pequenos cursos de auga existentes. “Con este obxectivo”, explicou Cores Tourís, “instalaranse 9 pequenas pontes de madeira de pino silvestre de distintas dimensións”. Así, tres destas pontes terán unha dimensión de 5×1,5 metros, outras 4×2 de catro metros e dous de 3×2.

“Deste xeito, damos inicio ao plan de melloras deste entorno ao que se chegou por parte da Consellería de Medio Ambiente e as comunidades de montes propietarias deste área e os concellos de Vilaboa e Marín, demostrando o compromiso da Xunta de Galicia con este lago e o seu xardín botánico”, rematou o delegado territorial.

29 de xullo de 2016 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.