publicidade hoxe

Política Social e FUAC asinan o convenio para o desenvolvemento do Programa de avaliación e tratamento de menores en situación de risco ou desamparo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaFerrol
A-
A+
O conselleiro de Política Social na sinatura do convenio coa FUAC

O conselleiro de Política Social na sinatura do convenio coa FUAC

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o xerente da Universidade da Coruña (FUAC), Juan José Gómez Romero, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa “Avaliación e tratamento terapéutico de menores en situación de risco ou desamparo” da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), e no que a Xunta de Galicia investirá 161.920 euros no ano 2016 (un 17% máis que no 2015). No acto tamén estiveron presentes a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e a vicerreitora do campus de Ferrol e responsabilidade social, Araceli Torres.

Dito programa inclúe o deseño e aplicación do tratamento terapéutico dos/as menores derivados/as polos Equipos Técnicos de Menores da Consellería; o seguimento e avaliación científica dos resultados e o asesoramento aos profesionais e coidadores dos/as menores que estean recibindo o tratamento.

Para a súa execución, é preciso contar cun equipo de profesionais con suficiente formación e experiencia, coordinados e supervisados baixo unhas directrices e metodoloxía común, que ha de constituír unha rede de calidade na avaliación e tratamento de menores que é obxecto deste convenio, e que será seleccionado, formado e supervisado pola UIICF sobre a base de criterios científicos avalados por resultados de proxectos de investigación previos.

Pola súa banda, mediante este convenio, a Consellería de Política Social, comprométese a propoñer aos/ás menores beneficiarios/as do programa, a facilitarlle á UIICF o acceso á información relevante relativa aos/ás menores, a realizar todas as actuacións administrativas relativas ás familias e aos/ás menores integrados/as no programa, a contribuír ao financiamento das actividades e a supervisar e coordinar todas as actuacións referidas ao desenvolvemento do programa que son competencia da Consellería.

As necesidades dos/as menores atendidos/as e a demanda que deste programa se realiza por parte dos equipos técnicos de menores, fai necesario un incremento no número de posibles casos a atender. Grazas a este acordo, neste 2016 incrementaranse en 35 o número de posibles derivacións a realizar con respecto ao 2015, chegando á posibilidade de atender 200 casos.

Serán beneficiarios/as do programa os/as menores con expediente aberto nos servizos de protección (menores en garda ou tutelados/as, incluíndo menores infractores que cumpran medidas xudiciais), das catro provincias galegas. Así mesmo, poderán ser beneficiarios/as igualmente a familia biolóxica ou acolledora do/da menor e os/as profesionais que se ocupan del/dela (educadores/as, traballadores/as sociais e outros/as profesionais dos centros de acollemento residencial ou centros de día), que teñen unha relación de coidado e que compoñen o entorno afectivo do/a menor, en canto que configuran o seu sistema de referencia.

Cómpre destacar que os/as nenos/as incluídos no sistema de protección de menores constitúen unha poboación de gran vulnerabilidade. Por unha banda, a maioría deles entran no sistema logo de padecer experiencias traumáticas de diferente índole ao longo das súas vidas nas súas entornas familiares. Por outra banda, unha vez dentro do sistema de protección, existe o risco de que aumente a súa vulnerabilidade polo dano que lles pode producir o cambio e a inestabilidade do entorno e dos profesionais que os atenden.

Así, a Xunta de Galicia considera prioritario promover e potenciar a través deste programa a axeitada atención e tratamento terapéutico dos nenos/as que amosen desaxustes emocionais-conductuais severos orixinados ou relacionados coa situación de desprotección que sufriron, coa medida de separación da súa familia, ou coa existencia de dificultades severas ou cronificadas na convivencia dentro da súa familia de orixe.

O convenio contempla, por primeira vez este ano, a posta en marcha dun sistema de formación continua aos traballadores/as que interveñen directamente cos menores do sistema de protección, de xeito que as sesións de terapia potencien a súa utilidade tanto en relación coa intensidade do traballo como coa permanencia do mesmo.

A colaboración mantida coa Universidade da Coruña enmárcase dentro dos diferentes programas que se están a executar no ámbito da protección de menores que se desenvolven na nosa Comunidade Autónoma. Este programa complementa aos de acollemento residencial e familiar (unha modalidade de protección á infancia que permite que familiares se fagan cargo temporalmente dos nenos e as nenas cando se ve impedida a convivencia cos seus pais), de atención de día e de integración familiar da Consellería de Política Social.

20 de xullo de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.