publicidade hoxe

Partido internacional de fútbol sala entre España e Exipto no Pazo dos Deportes “Paco Paz”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaOurenseOurense
A-
A+

O Pazo dos Deportes “Paco Paz” acollerá o día 28 de xullo, ás 20.30 horas, o partido internacional de fútbol sala entre as seleccións de España e de Exipto. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o seleccionador nacional de fútbol sala – RFEF, Venancio López; o responsable da Selección Española de fútbol sala de RFEF, Laurentizi Gana; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Gustavo Falque; e o delegado da Federación Galega de Fútbol en Ourense, Raul Rois.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que se trata “dun evento deportivo de primeiro nivel. E, os moitos afeccionados deste deporte que temos na provincia poderán gozar deste partido tan importante”.

Venancio López explicou que este partido “vai ser o primeiro de preparación de cara ao vindeiro Mundial “Colombia 2016″ que se celebra en setembro, polo que estaremos en Ourense desde o día 25 ata o 29 de xullo”, e engadiu, “o Mundial é a máxima competición de fútbol sala, fomos subcampións nas dúas edicións anteriores, e campións nas dúas previas, é dicir, somos un dos países máis potentes a nivel mundial, polo tanto, o noso obxectivo é facelo o mellor posible e intentar ser campións do mundo, cobrando vital importancia esta preparación”.

En canto á selección de Exipto “está clasificada para o Mundial tamén, sendo subcampiona de África, polo tanto, dentro dos países africanos é unha potencia”, dixo Venancio López quen adiantou que será “un partido de nivel”.

Pola súa banda, Gustavo Falque agradeceu á Deputación de Ourense o seu constante apoio ao deporte e ao Comité Nacional de fútbol sala que “pensara que a Federación Galega podía celebrar estes dous partidos en Galicia (o segundo terá lugar en Narón), porque estar nun Mundial é o máximo reto ao que se pode enfrontar un equipo polo que, a preparación é fundamental”. Asemade desexou que para os afeccionados de Ourense “sexa o 28 de xullo un día de festa e que arroupen á selección neste primeiro encontro coa afección de preparación para o Mundial”.

“España é neste momento campiona de Europa e ten que ir a Colombia a gañar o campionato do mundo, é unha das favoritas, e o comezo desta preparación componse de seis partidos sendo o primeiro deles en Ourense. Penso que a xente de Ourense vai encher ese Pazo dos Deportes porque ver á selección de España é gozar do fútbol sala e aquí hai moita tradición de fútbol sala”, dixo Laurentizi Gana.

Os prezos das entradas serán “moi populares”, sendo de 5 euros para os adultos, de 2 euros para os junior (de 6 a 16 anos) e gratuíta para os menores de seis anos, “para que todo o mundo poida asistir a este partido que é unha oportunidade única para ver á selección española de fútbol sala”, afirmou Bernardino González. Asemade o asesor de Deportes da Deputación asegurou que “se lle fará chegar a todos os concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes dez invitacións aos junior para que poidan vir de forma gratuíta ao partido”.

En canto á programación prevista para eses días, Bernardino González adiantou que o día 27 de xullo, os xogadores da selección de fútbol sala estarán no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, para firmar autógrafos aos afeccionados e sacarse fotos con eles.

18 de xullo de 2016 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.