publicidade hoxe

Os veciños da zona de concentración parcelaria de Parada II poden tomar posesión dos novos predios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse ata a localidade de Ordes para comunicarlle aos veciños beneficiados pola concentración parcelaria da zona de Parada II que dende hoxe poden comezar a usar os novos predios, resultantes deste proceso de reorganización do territorio.

Ángeles Vázquez, quen estivo acompañada polo alcalde deste concello coruñés, José Luis Martínez, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, explicou que con este anuncio dáse un paso máis no proceso reorganizativo, que permite facer uso dos predios de substitución sen a necesidade de contar xa cos títulos acreditativos, que se entregarán posteriormente. Porén, os adxudicatarios teñen un prazo de 60 días para reclamar, ante a Xefatura Territorial de Medio Rural na Coruña, no caso de que existan diferenzas superiores ao 2% entre a cabida real das novas fincas e a que conste no expediente de concentración.

A conselleira salientou que estas concentracións contribúen a modernizar as explotacións, a mellorar os accesos e facilitar os desprazamentos ás fincas, á vez que se aumenta o valor da súa base territorial. Pero ademais, engadiu, mellórase a mobilidade entre núcleos de poboación e o acceso ás fincas e vivendas.

Este proceso de reestruturación parcelaria supón a reorganización da propiedade de 3.371 a 1.103 fincas, pertencentes a 600 veciños. Dende o inicio da mesma, lévanse investido máis de 2,1 millóns de euros que, na súa meirande parte, se destinaron á execución da rede de camiños principais.

A titular de Medio Rural indicou que o seu departamento conta este ano cun orzamento de 22 millóns de euros para o plan de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. A maiores, outros 4,2 millóns que se destinarán á mellora destas zonas de concentración parcelaria. Con estas achegas preténdese seguir avanzando nos procesos de reestruturación abertos na nosa Comunidade, que afectan a unha superficie total de 119.003 hectáreas e que a día de hoxe son 132, co obxectivo de que todas estas zonas estean en disposición de seren rematadas nos próximos 4 anos.

22 de xullo de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.