publicidade hoxe

O XIV Festival Sonrías Baixas de Bueu mestura música, natureza e gastronomía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCalendarioLocal Portada
A-
A+
Presentación do XIV Festival Sonrías Baixas de Bueu

Presentación do XIV Festival Sonrías Baixas de Bueu

O Festival SonRías Baixas de Bueu presentou hoxe o programa completo da súa décimo cuarta edición, que se desenvolverá do 4 ao 6 de agosto coa participación dun total de 13 coñecidos grupos do panorama estatal e internacional. A organización volve apostar pola combinación de música, contorno natural e gastronomía como principal marca do evento, para o que a Asociación Troula na Banda conta este ano cunha subvención da Xunta a través da convocatoria de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais de música.

Así, xunto cun cartel que abrangue desde o rock ata o metal, pasando polo punk, o ska, a electrónica ou o folk, os asistentes poderán degustar unha singular oferta gastronómica preparada polos chamados RockChef (Quique Otero, de Banda Crebinsky; Juaki, de Dakidarría, e Tonhito de Poi, de Heredeiros da Crus), ademais de ter á súa disposición unha zona de acampada a carón da praia.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou os representantes da organización do festival, Jordi Lauren e Berta Domínguez, na presentación que tivo lugar este mediodía na praia Banda do Río e na que tamén interviñeron Félix Juncal, alcalde de Bueu; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; e Salvador Vázquez, de Rei Zentolo, empresa encargada da imaxe gráfica do encontro.

Profesionalidade e promoción da música galega

Jacobo Sutil referiuse aos diferentes criterios valorados pola comisión encargada de outorgar as axudas públicas a este tipo de eventos, das que este ano resultaron adxudicatarios un total de 13 festivais de música de toda Galicia. Entre os aspectos puntuados, fixo fincapé na profesionalidade dos equipos técnicos e de produción e na promoción da música galega nos seus carteis.

Neste último caso, mencionou especialmente os grupos galegos que forman parte do cartel do SonRías Baixas 2016: Heredeiros da Cruz, The Skarnivals, Chotokoeu, Poetarras e Gold & Colt. Os tres primeiros actuarán no escenario principal que se situará no Recinto Multiúsos da Estacada como parte dun cartel que encabezan o grupo catalán La Gran Pegatina, que chega a Galicia cunha nova e máis ampla formación, e o uruguaio La Vela Puerca. En Bueu volverán tocar bandas que xa forman parte da historia deste festival, como Boikot ou Soziedad Alkoholika, ademais de contar co grupo punk Lendakaris Muertos no seu regreso aos escenarios ou de nomes que comezan a soar con forza no circuíto estatal, como Vendetta ou La Sra. Tomasa.

Pola súa banda, Poetarra e Gold & Colt protagonizarán cadanseu concerto na mañá do sábado dentro do programa músico-grastronómico da Casa SonRías, durante o que tamén se ofrecerá o menú preparado polos tres ‘rockchef’ deste ano.

Colaboración entre festivais

A programación deste ano compleméntase cunha carteleira audiovisual grazas á colaboración entre o SonRías Baixas e o Festival Internacional de Curtametraxes FICBueu. O Centro Social do Mar converterase en cinema o sábado pola tarde para a proxección de seis curtas, entre as que se atopan as gañadoras do primeiro premio e do premio do público na pasada edición do FICBueu: a fita alemá ‘Nashorn in Galopp’ e a catalá ‘El corredor’, respectivamente. A entrada para esta actividade será libre ata completar a capacidade da sala.

En canto aos abonos con dereito a acampada e ás entradas diarias para o SonRías Baixas 2016, están xa á venda en liña a través do web www.sonriasbaixas.info e fisicamente nos establecementos asociados.

28 de xullo de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.