publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Sergas construirá un novo centro de saúde no concello de Pereiro de Aguiar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pereiro de Aguiar
A-
A+
Jesús Vázquez na sinatura do convenio co concello do Pereiro de Aguiar

Jesús Vázquez na sinatura do convenio co concello do Pereiro de Aguiar

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde do concello do Pereiro de Aguiar, Eliseo Fernández Gómez, asinaron hoxe un convenio de cooperación para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde no municipio a fin de dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da colectividade mediante unha máis rápida atención asistencial á cidadanía.

Segundo o convenio, o Concello do Pereiro de Aguiar comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial ao Sergas dunha parcela libre de cargas e gravames, coa clasificación de uso sanitario. Ademais, asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela para a ampliación do centro das infraestruturas necesarias, tales como acceso rodados e peonís, abastecemento de agua, saneamento, subministración eléctrica, etc.

Pola súa banda, o Sergas comprométese á elaboración e de ser o caso, á supervisión, e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de ampliación, con cargo aos seus orzamentos.

Plan funcional

O Servizo Galego de Saúde xa realizou un plan funcional para construír un novo centro de saúde neste concello, no que se contemplan tres consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, unha para a matrona, unha consulta da muller, unha sala polivalente, unha de pediatría, unha de enfermería pediátrica, e unha sala de educación sanitaria, ademais doutros espazos como aseos, almacéns ou sala de xuntas.

Modernizar as infraestruturas

O conselleiro de Sanidade dixo hoxe que esta sinatura enmárcase nunha das liñas da Estratexia do Sergas que é modernizar as infraestruturas da rede de atención primaria. “Queremos facelo de xeito sostible e para mellorar a asistencia prestada aos cidadáns. Neste caso, falamos dos preto de 3.500 pacientes aos que se presta atención primaria no actual centro de saúde”.

Almuiña lembrou que esta mellora das instalacións vaise acometer con cargo aos recursos adicionais dos que dispón este exercicio o Goberno galego como consecuencia do cumprimento do déficit.

No acto estiveron presentes, así mesmo, a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, Lourdes Vilachán Angueira; a xerente de Xestión Integrada do Sergas, Eloina Núñez Masid; a delegada territorial da Xunta, María Sol Díaz Mouteira; e a xefa territorial de Sanidade, María do Carmen Villar Súarez.

1 de xullo de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.