publicidade hoxe

O Sergas asina un convenio para ampliar as urxencias do Hospital da Barbanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaRiveira
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, asinaron hoxe un convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e este concello coruñés, para a execución das obras de ampliación das urxencias do Hospital da Barbanza, a fin de dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da colectividade, mediante unha máis rápida atención asistencial á cidadanía. Logo da sinatura no Concello, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego fixo unha visita por distintas dependencias do hospital.

No acto estiveron presentes, así mesmo, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a xefa territorial de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez Fernández; e o xerente de Xestión Integrada do Sergas para este área, Luis Verde Remeseiro.

Tal e como destacou o conselleiro de Sanidade no acto de hoxe, estamos a falar dunha intervención importante, xa que a área que actualmente se destina ás urxencias, uns 650 metros cadrados no primeiro andar do hospital, ampliarase coa zona da explanada de acceso. As obras de reforma e ampliación desenvolveranse de forma sectorizada co obxecto de reducir o impacto no servizo e manter o seu uso durante a execución.

Segundo indicou Almuiña, a superficie total da actuación é duns 1.000 metros cadrados, e pasa pola ocupación dunha parte do espazo exterior de acceso (parte cuberta) que se destinará a uso asistencial do servizo de urxencias, e unha zona exterior (sen cubrir), destinada ao acceso de ambulancias.

Tal e como recolle o convenio asinado, o Sergas comprométese a acometer as obras e actuacións de construción, acondicionamento e adaptación.

Unha vez se execute esta intervención, poderase incrementar a actual dispoñibilidade de camas de observación na área de urxencias do Hospital, tendo en conta a demanda de dito servizo, para facilitar a actividade dos profesionais e en beneficio dos pacientes.

Esta actuación é un claro exemplo, -remarcou Almuiña-, do que se pode conseguir cando existe colaboración entre diferentes administracións públicas en beneficio da cidadanía á que nos debemos, polo que manifestou o seu agradecemento ao alcalde e ao conxunto da corporación municipal.

Rematou a súa intervención dando as grazas a todas e todos os profesionais do Sergas e da Consellería de Sanidade que traballan na Barbanza, tanto no hospital como nos centros de saúde, polo seu labor, enerxía e esforzo no día a día.

8 de xullo de 2016 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.