publicidade hoxe

O Grove contará cun obradoiro de emprego destinado a adestramento de cans, mantemento de xardíns e promoción turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a casa consistorial de O Grove para anunciar que este concello contará cun obradoiro de emprego, “Naturcan” a partir do mes de setembro.

O delegado estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Cacabelo, así como polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.
O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en adestramento e educación de cans, mantemento de xardíns e zonas verdes e promoción turística e información ao visitante: un director, un titor, dous docentes e un administrativo.

O delegado territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Estamos a falar de case 200 persoas en todo O Salnés, entre alumnos e persoal, grazas aos 7 obradoiros que se iniciarán en setembro nesta comarca”.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos.

O alumnado traballará durante os próximos seis meses tanto mellorando a conduta de cans como a relación entre donos e animais. Tamén se levará a cabo o saneamento e mantemento dos diversos espazos do concello, procedendo á limpeza e eliminación da vexetación impropia e plantación de nova vexetación. Finalmente, os alumnos tamén levarán a cabo labores de difusión e dinamización turística local dos recursos naturais, culturais e patrimoniais, seguindo co traballo realizado en anteriores obradoiros de emprego realizados no concello.

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita ao obradoiro de O Grove para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”, en especial nun sector con tanta puxanza como é o do turismo, “nun municipio como O Grove, situado no Salnés, unha das comarcas galegas con maior número de visitantes e de prazas hoteleiras, que superan as 13.000”.

Pola súa banda, o alcalde, José Cacabelos, agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permite formar a desempregados do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”.

En total, a provincia de Pontevedra contará con 29 obradoiros, 7 dos cales desenvolveranse no Salnés. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, 5 deles na provincia de Pontevedra, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse preto de 2.000 desempregados.

4 de xullo de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.