publicidade hoxe

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova centra o audiovisual galego en feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaOurense
A-
A+
Presentación do curso de Medios Audiovisuais de Celanova

Presentación do curso de Medios Audiovisuais de Celanova

A 13ª edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) 2016, abordará a temática do “Audiovisual galego en feminino. Singularidade e diversidade”. Este curso de verán de extensión universitaria desenvolverase no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova desde o 5 ao 8 de xullo. A presentación desta actividade formativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de Celanova, José Luis Ferro; o director da Área de Planificación do Campus de Ourense, José Mª Faílde Garrido; o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido; o director do AGADIC, Jacobo Sutil; o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández; e o director do Taller Celanova, plató de ficción, Paulino Pérez.

Rosendo Fernández explicou que “durante esta ducia de anos, que leva realizándose este curso, pasaron pola aulas do CeMAC unha media de 45 estudantes en cada edición, que aproveitaron unha variada serie de monográficos”. Polo tanto, o CeMAC “vese consolidado como un foro audiovisual de referencia en Galicia e, aínda que a presenza feminina foi alta nas súas edicións, é xusto que agora ofreza un monográfico que resalte algúns feitos normais no contorno como que as mulleres lideran o eido da produción, medran como guionistas, e irrompen con decisión detrás da cámara”, destacou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Este curso formativo “ten un carácter claramente universitario pero tamén está dirixido á sociedade en xeral” dixo Miguel Anxo Fernández, quen explicou que o título desta edición “responde a que desde os anos 80 vénse producindo un tímido pero sólido avance, do papel da muller no audiovisual galego, en postos de responsabilidade, e esperamos que as 30 mulleres que van acudir eses días a Celanova representen cada un deses campos”.

José Luis Ferro asegurou que no mes de xullo “Celanova converterase na capital do audiovisual galego” e agradeceu a realización deste curso de extensión universitaria que “cumpre varios obxectivos: abre as súas portas á rúa mesturándose coa sociedade e demostra que a formación educativa non ten que estar soamente suxeita ao ámbito institucional e, por outra parte, axuda a dinamizar pobos como o noso”.

Ao abeiro do CeMAC vaise desenvolver por sétimo ano consecutivo o Taller audiovisual Celanova, plató de ficción, a través do cal este ano están a realizar “unha web serie de humor titulada “Prevenidos” de catro capítulos nos que oito persoas van a Celanova para facer unha curta de baixo presuposto, en clave de parodia metémonos co propio audiovisual”, explicou Paulino Pérez.

Pola súa banda, José Mª Faílde asegurou que o Campus de Ourense no curso 2015-2016 “consolida unha oferta de cursos de extensión universitaria que posibilita aproximadamente unhas 415 prazas. A programación renóvase con novas incorporacións pero tamén, con novos enfoques para propostas xa consolidadas, como é o caso deste curso, que analiza o sector audiovisual desde unha perspectiva de xénero”.

Jacobo Sutil dixo que este curso “é un proxecto no que cremos porque forma aos rapaces que o día de mañá van a ser parte do sector e divulga a realidade actual do audiovisual”.

O secretario da Fundación Carlos Casares dixo que a palabra “cooperación” é a clave que explica que este curso leve a realizarse durante máis dunha ducia de anos. “Esta edición dedicada á muller parece que aglutina todo o que se fixo durante este tempo porque sempre estivo a muller presente”, afirmou Gustavo Garrido.

1 de xullo de 2016 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.