publicidade hoxe

O Corazón da Artesanía arrancará en Agolada con obradoiros, exposicións, música e degustacións gastronómicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

O conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) acolle desde mañá venres, 8 de xullo, e ata o domingo, día 10, a V edición de Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, un evento organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no que, ademais dos tradicionais obradoiros de artesanía, dos postos de produtos alimentarios de calidade e das actuacións musicais, o público asistente tamén poderá asistir á primeira xornada de showcooking a cargo de Antonio Lorenzo e o sumiller Bruno Lovelle, á inauguración de exposicións nas que se combinan os oficios artesáns con outras tendencias artísticas, e á celebración de obradoiros dirixidos a todas as idades.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, será o encargado de inaugurar, mañá ás 13:00 horas, a quinta edición de Corazón da Artesanía, unha feira na que participarán 44 representantes de máis de 20 oficios, como o téxtil, cestería, instrumentos musicais, xoiaría e ourivaría, olería, tornería de madeira e talla en pedra; e 49 empresas alimentarias que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos.

Para ampliar a oferta gastronómica, a organización habilitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes; instalaranse dous foodtrucks na praza do Concello, unha das novidades deste ano; e, sobre todo, o programa inclúe o inicio de Artesanía no prato, iniciativa coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega.

Así, acompañado do sumiller Bruno Lovelle, o cociñeiro Antonio Lorenzo, do establecemento A Faragulla (Chantada, Lugo) e pertencente á terceira xeración dunha familia de cociñeiras desta vila lucense, será o encargado, a partir das 20.30 horas, de ofrecer os primeiros menús degustación desta edición con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia, o que aportará un valor engadido á propia gastronomía.

Esta iniciativa, que terá lugar no pendello O Paladar, terá continuidade durante os dous seguintes días: o sábado, con dous pases a cargo de Héctor López, ás 13:30 e 15:00 horas, e un terceiro de Xoán Crujeiras, ás 20:30 horas; e o domingo, da man de Javier Rodríguez Ponte Taky, que ofrecerá as súas degustacións ás 13:30 e ás 15:00 horas.

Tres exposicións

Os Pendellos de Agolada buscan este ano máis que nunca combinar a tradición dos oficios artesáns con outras disciplinas artísticas. Así, está previsto inaugurar mañá dúas exposicións financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e nas que colaboraron tanto artesáns como estudios de deseño. A mostra Auga conta con obras creadas entre a Asociación de Artesáns da Terra Chá e o estudio de deseño santiagués Vermis Project; mentres que Artesanía de Galicia para vivir o século XXI combina a capacidade innovadora do estudo de deseño FrutoDS (Pontevedra) co saber facer da Asociación Galega de Artesáns.

Para a primeira xornada de Corazón da Artesanía tamén está programada á inauguración da exposición Blind Wall, de Irene Grau, no antigo muíño-serra. A mostra, que se pode visitar desde o venres e ata o domingo, de 11:30 a 21:30 horas, enmárcase dentro do programa A longa sombra dalgunha cousas, que se completará o sábado con tres conferencias, a cargo da propia Irene Grau con Álvaro Negro, comisario da exposición; e dos arquitectos Carlos Puente Fernández e Rosa Rubio-Hernández.

Talleres

Os que acudan a Agolada tamén poderán participar durante as tres xornadas dunha oferta formativa e de talleres para todas as idades. Así, durante tres días profesionais e persoas interesadas no mundo da artesanía participarán en diferentes obradoiros: Introdución á encadernación copta, do artesán Pablo Otero, do obradoiro Pino Encuadernaciones (mañá, 16:00 – 21:00 horas; e sábado e domingo, 11:30 – 14:00 e 16:00 – 21:00 horas);Técnicas de cestería tradicional, co cesteiro vigués Antonio Suárez (11:30 – 14:00 horas e 16:00 – 21:00 horas); Restauración e decoración de cadeiras, impartido pola artesá docente do CEARCAL, Ana González (11:30 – 14:00 horas e 16:00 – 21:00 horas); e Qué é unha xoia para ti?, coa ourive compostelá Susi Gesto (11:30 – 14:00 horas e 16:00 – 21:00 horas).

Xunto a celebración destes catro workshops, a organización ten programado talleres gratuítos para iniciar aos máis pequenos en diferentes oficios: a artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá o taller Elaboración e decoración de barquiñas de cartón (11:30 – 14:00 horas e 17:00 – 21:00 horas); mentres que os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera encargaranse da actividade Elaboración de papel e encadernación artesanal (11:30 – 14:00 horas e 17:00 – 21:00 horas). Mañá venres, tamén se ofrecerán cursos de iniciación ao torno cerámico, dirixido a todas as idades, e á talla en pedra, para público adulto.

O programa de actividades da primeira xornada da V edición de Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galiciacerrarase as 22.30 horas, na praza do Concello, coa actuación de Os d’Abaixo.

Dentro do obxectivo de divulgar a artesanía entre todas as idades e facer ao público protagonista do encontro, unha das grandes novidades deste ano é a celebración dun concurso fotográfico en Instagram, que premiará a mellor fotografía feita no evento. As imaxes, poderán tomarse desde mañá e ata o domingo e deberán amosar o ambiente do certame, o traballo dos artesáns ou das pezas expostas. Os participantes, que terán que seguir a conta oficial de Artesanía de Galicia (@artesania_de_galicia), publicarán as súas fotografías coa etiqueta #VCorazóndaArtesanía durante a celebración do encontro. A imaxe gañadora será a que reciba máis likes ata as 23.59 horas do próximo domingo. A persoa gañadora levará un lote de produtos de Artesanía de Galicia.

A organización de todas estas actividades de divulgación e posta en valor dos oficios tradicionais en Agolada forma parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento dos artesáns galegos e consolidar un sector competitivo e transversal.

7 de xullo de 2016 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.