publicidade hoxe

O Castro de San Vicente será protagonista da VIII andaina de Avión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAviónDeportesOurense
A-
A+

A VIII edición da andaina do Concello de Avión, nesta ocasión centrada no Castro de San Vicente, celebrarase o vindeiro domingo, 10 de xullo, no municipio ourensán. Baixo o nome “Ruta do Castro” ofrecerá tres posibles rutas de 21, 13 e 6 quilómetros aos participantes. A presentación desta actividade deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o alcalde de Avión, Antonio Montero.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que “é a primeira vez que a riqueza paisaxística dun concello, neste caso o de Avión, fai que se poida diversificar ao longo do tempo dedicando cada edición a un atractivo turístico típico do municipio”. A Deputación de Ourense “apoia este tipo de iniciativas que poñen en valor a nosa riqueza cultural, paisaxística e gastronómica”, afirmou Rosendo Fernández.

Pola súa banda, o alcalde de Avión explicou que esta andaina comezou co obxectivo de “fomentar as prácticas deportiva e tamén dar a coñecer o patrimonio natural e artístico que ten o Concello. Comezamos coa ruta dos Chozos, continuamos coa dos Muíños, dos Canastros, dos Ríos, en definitiva, organizamos rutas por distintas zonas entorno aos atractivos de maior relevancia”.

Esta oitava edición “fíxose ao redor do Castro de San Vicente, que ten vestixios castrexos, e preto do embalse e do río”, asegurou Antonio Montero, quen dixo que o que se pretende con este tipo de iniciativas é “a confraternización de todos os asistentes”.

O prezo da inscrición é de 20 euros e inclúe ademais da andaina, “comida, avituallamento, unha camiseta conmemorativa, así como sorteo de agasallos”, afirmou o alcalde de Avión.

Bernardino González agradeceu ao Concello de Avión que “organice este tipo de actividades deportivas que van vencelladas á saúde” e animou “a que continúen a desenvolver estas iniciativas que promocionan a nosa provincia”.

6 de xullo de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.