publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Rural mellorará a comunicación viaria entre os concellos coruñeses de Melide e Sobrado dos Monxes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMelideSobrado
A-
A+
A conselleira de Medio Rural na reunión cos dous alcaldes

A conselleira de Medio Rural na reunión cos dous alcaldes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá en Melide o proxecto de arranxo e posta en valor de diferentes camiños rurais, cos que se vai mellorar a comunicación viaria entre os concellos coruñeses de Melide e Sobrado dos Monxes.

Acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Dubois, e os alcaldes de Melide, Dalia García, e de Sobrado, Lisardo Santos, a conselleira concretou que as actuacións a levar a cabo están enmarcadas dentro do Plan de Emerxencias 2016 e que van supoñer unha inversión superior aos 120.000 euros.

A conselleira destacou que a mellora destas vías redundará en beneficio de ambos concellos, mellorando a comunicación viaria e a calidade de vida dos seus habitantes. Ángeles Vázquez sinalou que, para que o rural teña futuro, é preciso investir nel e convertelo nun lugar coas mesmas condicións de vida e oportunidades que as existentes nas grandes vilas e cidades.

Obras

Ángeles Vázquez explicou que se vai acondicionar dous tramos do vial entre o núcleo de Folladela e o límite do Concello de Melide con Sobrado. Así, no primeiro tramo abriranse e limparanse cunetas, procedendo a súa pavimentación con aglomerado en quente. No segundo tramo farase limpeza de borde, bacheo e tratamento asfáltico.

Respecto á actuación a realizar no concello de Sobrado, a conselleira sinalou que se vai mellorar o viario que enlaza o concello de Sobrado co de Melide, concretamente dende o núcleo de Grañas en dirección a Melide. Estas obras consistirán no ancheado do viario, limpeza, bacheo e aglomerado asfáltico.

Segundo as previsións que manexa o departamento de Ángeles Vázquez, as obras terán unha duración de 4 meses para o caso de Melide e de 2 semanas para o de Sobrado dos Monxes.

Charla concentracións parcelarias

Seguidamente, a titular de Medio Rural reuniuse cun grupo de veciños de Melide para informalos sobre a situación actual das concentracións parcelarias existentes no concello. Así, trasladoulles que está viva a concentración de Maceda-Orois, concretamente na fase de acta de reorganización, último paso administrativo antes de entregar os títulos de concentración parcelaria.

Esta zona afecta a unha superficie de 1.087 hectáreas pertencentes a 436 propietarios. Coa reorganización da superficie, pasouse de 2.636 parcelas a 1.004 novas fincas, mellorando así a base territorial e as comunicacións viarias, todo elo en beneficio dos propietarios e veciños da zona.

8 de xullo de 2016 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.