publicidade hoxe

Medio Ambiente mellora a rede de saneamento de Boqueixón coa construción de dúas novas depuradoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co concello de Boqueixón

Beatriz Mato na sinatura do convenio co concello de Boqueixón

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá un millón de euros en mellorar a rede de saneamento de Boqueixón. Así se recolle no convenio que asinaron hoxe no concello a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde, Ovidio Rodeiro.

Os traballos centraranse en ampliar as instalacións hidráulicas de distintas parroquias do municipio. En concreto, está previsto executar unha nova EDAR en Sergude, que permitirá a conexión do saneamento dos núcleos máis próximos e que vai facilitar a ampliación do solo industrial que recolle o planeamento municipal vixente. Ademais, tamén se construirá unha nova depuradora de 100 habitantes equivalentes na parroquia de Gastrar, xunto con dúas redes de 1 quilómetro de lonxitude que recollerán as augas residuais da zona. Ao mesmo tempo, o obxectivo tamén será ampliar as redes de saneamento doutros lugares do concello, como Vilaboa, en Gastrar, ou Alboia, en Lamas.

Este investimento, explicou Mato, inscríbese na aposta da Xunta por seguir traballando a prol do abastecemento e o saneamento. “Este esforzo tradúcese no maior investimento da historia da nosa comunidade”, explicou a conselleira, quen concretou que “desde 2009 se teñen destinado 113 millóns de euros a 309 actuacións de abastecemento e construído preto de 800 quilómetros de tubaxes. Tamén se investiron máis de 1.000 millóns de euros en saneamento e depuración, o que permitiu executar 350 actuacións e que supón unha media de 5 cada mes”.

Todo este traballo “pódese cuantificar”, xa que se no 2009 o 70% das augas eran de boa calidade, agora esa cifra está preto do 78%. Ademais, “seguirase traballando”, proseguiu Mato, tal e como se recolle no Plan hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa, que contará cun orzamento de 655 millóns de euros ata 2021.

Colaboración en materia de urbanismo

Mato aproveitou a súa visita ao concello para adiantar que a Xunta está estudando un proxecto en materia de urbanismo remitido polo concello de Boqueixón, que se inscribiría no Plan Hurbe.

A proposta ten como obxectivo mellorar e acondicionar diversos espazos do municipio, a través dun orzamento de 80.000 euros. Actualmente, os técnicos están estudando a documentación, pero a conselleira adiantou que a primeira valoración “é moi positiva”.

18 de xullo de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.