publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 225.000 euros en construír unha nova rede de saneamento no lugar de Sirves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá uns 225.000 euros na construción dunha rede de saneamento no lugar de Sirves, na parroquia de Santa María de Olveira do concello de Ribeira.

Así se recolle no convenio asinado esta mañá entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Manuel Ruiz Rivas. En concreto, en virtude deste acordo, porase en marcha a primeira rede de saneamento nesta zona do rural, co fin de evitar posibles vertidos ao medio e de eliminar as fosas sépticas.

Os traballos executaranse a través de colectores conectados á rede xeral, que conducirán as augas dos veciños ata a depuradora de Corrubedo. Trátase dunha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Grazas a esta iniciativa, avánzase un paso máis na mellora do saneamento do concello. Ao respecto, Mato recordou que desde 2009 se teñen investido 28 millóns de euros en Ribeira en materia de depuración de augas, dos que a Xunta financiou un total de 17.

A maior parte deste orzamento concentrouse na construción da nova depuradora de Ribeira e dos dous colectores interceptores que conducirán as verteduras ata esta nova infraestrutura, actualmente en período de probas.

Cómpre lembrar, ademais, que desde o ano pasado está en servizo a EDAR de Corrubedo e os seus colectores xerais, unha instalación que dá servizo ao contorno do parque natural. Durante o exercicio anterior, a Consellería tamén se encargou de reparar o emisario de Punta Touro, que permite afastar da costa as augas depuradas do polígono de Xarás.

Colaboración en materia de urbanismo

Durante a súa visita ao concello, Mato precisou que a colaboración entre a Consellería e Ribeira vai máis aló do saneamento e a depuración.

Así, adiantou que o concello ten remitido á Xunta un proxecto, enmarcado no Plan Hurbe, que propón renovar as beirrarúas da Avenida da Coruña a través dun investimento de preto de 200.000 euros.

Actualmente, os técnicos están estudando esta proposta, pero a conselleira avanzou que a valoración da mesma é “moi positiva e contamos con que finalmente poida ser aprobada”.

5 de xullo de 2016 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.