publicidade hoxe

Medio Ambiente e Sober asinan o convenio que dotará de saneamento aos núcleos de Ferrón, A Igrexa e o Pinar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Sober

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Sober

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Sober, Luis Fernández, asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá dotar de saneamento e depuración aos núcleos de Ferrón, A Igrexa e O Pinar, situados na parroquia de Bolmente.

Na actualidade, estes núcleos só dispoñen de rede de abastecemento, pero non de saneamento. Coas actuacións incluídas no convenio, solucionarase esta situación ao proporcionar un sistema de depuración axeitado para estas poboacións.

En concreto, o Goberno galego destinará algo máis de 400.000 euros –tal e como se aprobou previamente no Consello da Xunta- a acometer estas melloras, un orzamento que está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

A conselleira fixo fincapé en que este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.

8 de xullo de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.