publicidade hoxe

Medio Ambiente destinará 860.000 euros á remodelación da Avenida da Mariña en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 860.000 euros entre este ano e os dous seguintes na remodelación da Avenida da Mariña, ubicada no centro urbano do concello de Foz. Así se establece no convenio asinado hoxe pola titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Javier Jorge Castiñeira, que foi ratificado polo Consello da Xunta. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

En concreto, os traballos incluirán a ampliación das zonas peonís, o incremento de áreas verdes e renovación do axardinamento e a mellora do mobiliario urbano e do pavimento, incrementando así a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Neste senso, dentro da ampliación das zonas peonís, vaise reorganizar o tráfico e agrupar as prazas de aparcamento, de tal forma que se poidan intercalar illotes para os peóns. Así mesmo, para a mellora do mobiliario urbano, renovarase a rede de alumado e crearanse puntos de xestión para os colectores de residuos, reducindo o impacto visual e tamén os malos olores. “Este convenio vai contribuír á rexeneración urbanística dun importante espazo público do concello de Foz”, salientou a conselleira.

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010, e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Desde que se puxo en marcha o Plan Hurbe téñense executado ao abeiro desta iniciativa 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. En concreto, na provincia de Lugo o orzamento superou os 25 millóns de euros e incluíu 19 actuacións. Así mesmo, para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

Nova depuradora e avances no PXOM

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou que o PXOM de Foz se atopa xa na recta final da súa tramitación, polo que espera que pronto se poida sumar aos 89 concellos que contan con Plan Xeral de Ordenación Municial e anunciou que “temos prevista tamén unha obra moi importante para o saneamento e depuración, imos investir 8 millóns de euros na construción dunha nova depuradora en Foz”. Segundo explicou a conselleira, o convenio para dotar á localidade desta nova infraestrutura será aprobado polo consello da Xunta antes de rematar o verán.

15 de xullo de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.