publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente colabora co Concello do Porriño na humanización da rúa Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o concello do Porriño colaborarán na realización das obras de humanización na rúa Pontevedra, tal e como se recolle no convenio que asinaron a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e a alcaldesa da localidade, Eva García.

O concello presentou o documento técnico que define os traballos a executar, aos que a Xunta destinará un orzamento lixeiramente superior aos 200.000 euros, que xa foi aprobado polo Consello da Xunta.

En concreto, as obras basearanse fundamentalmente na formación de beirarrúas; na pavimentación do viario; e na instalación de alumeado público, mobiliario urbano e unha rede de saneamento separativa.

Plan Hurbe

Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

27 de xullo de 2016 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.