publicidade hoxe

Medio Ambiente asumirá o orzamento da construción do último tramo dos interceptores da Malata

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na presentación do proxecto de construción

Beatriz Mato na presentación do proxecto de construción

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asumirá o importe global e integral necesario para a construción do último tramo de interceptores xerais na zona da Malata, para os que se prevé un orzamento superior aos 7 millóns de euros.

Así o reiterou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a presentación do proxecto desta actuación que será a última fase coa que se que completará de xeito definitivo o saneamento da ría de Ferrol e que no día de onte foi aprobado polo Consello da Xunta.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que o conxunto de actuacións na ría de Ferrol configura un dos proxectos máis importantes en materia de saneamento e depuración da historia da Comunidade, non só polo esforzo económico, senón tamén pola cantidade de habitantes da contorna da ría aos que se lles dará un servizo de calidade, dado que estamos a falar de mais de 158.000 habitantes beneficiados.

Mato Otero avanzou que, unha vez que o Consello da Xunta deu o visto bo a esta actuación, xa se ten convocado ao Concello de Ferrol a unha reunión de traballo, prevista inicialmente para o próximo martes, para coordinar a tramitación que require esta actuación, entre os que destacou os permisos e autorizacións e indicou que Augas de Galicia presentará xa neste encontro un borrador de convenio de colaboración, que deberá ser asinado por ambas administracións para poder licitar as obras.

Nese sentido, a conselleira de Medio Ambiente recordou que a actuación dos interceptores xerais na zona da Malata está recollida no plan para o saneamento da ría de Ferrol, que constitúe un excelente exemplo de colaboración.

Proxecto da Malata

Tal e como manifestou a conselleira na presentación do proxecto de saneamento da enseada da Malata, “o saneamento da ría de Ferrol está xa case rematado”, pero para completalo é necesario executar esta última actuación, co fin de conectar as poboacións da contorna coa nova rede de interceptores xerais da marxe norte.

O proxecto, para o que se estima un orzamento de máis de 7 millóns de euros, será financiado integramente pola Consellería de Medio Ambiente e dará servizo a unha poboación duns 15.000 habitantes equivalentes.

No proxecto presentado defínense as actuacións necesarias, como a construción de dous tanques de tormentas, un deles nas inmediacións da zona da Malata, unha nova estrutura da regulación da Malata; a construción dunha rede de colectores xerais de saneamento, e a remodelación do bombeo existente na zona da Cabana.

Saneamento da ría de Ferrol

Unha das máximas prioridades do Goberno galego foi o saneamento das rías e nese sentido, ten realizado importantes esforzos nas rías galegas en xeral e de Ferrol, particularmente, polo que se apostou polo saneamento, tanto na marxe norte, onde se concentra a maior parte da poboación, como na marxe sur.

A primeira fase de saneamento da marxe norte rematouse en 2011, e supuxo a execución da EDAR de Cabo Prioriño, así como dos emisarios submarino e terrestre. Logo destes traballos, en 2014 comezouse a acometer a segunda fase, que se centrou nos colectores interceptores da rede xeral de Ferrol e Narón. Esta actuación, á súa vez, dividiuse en tres tramos: A Malata-A Gándara, Gándara-Cadaval e Cadaval-Neda. Todos eles están xa rematados, agás o último que está actualmente en execución, pero que se prevé estea finalizado en setembro deste ano, tal e como anunciou a conselleira. Así, o saneamento da marxe norte implicou un investimento global de máis de 200 millóns de euros.

Pola súa banda, na marxe sur, a Xunta asumiu integramente a execución de infraestruturas de depuración e colectores xerais nos concellos de Ares, Fene e Mugardos. Entre outras actuacións, executouse unha nova EDAR en Punta Avarenta, así como una extensa rede de colectores xerais nestes tres concellos. Todos estas instalacións están tamén en servizo e tiveron un custo de máis de 76 millóns de euros.

29 de xullo de 2016 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.