publicidade hoxe

Marnotes destaca en Ferrol a oportunidade que as lanzadeiras de emprego ofrecen para acceder a un posto de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Alfonso Marnotes na clausura do programa Ferrol Inserta 5

Alfonso Marnotes na clausura do programa Ferrol Inserta 5

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na clausura do Programa Integrado de Emprego ‘Ferrol Inserta 5’, que apoia a Xunta e a través do que 80 alumnos e alumnas recibiron os diplomas que acreditan a súa cualificación en diferentes especialidades.

Marnotes explicou que estas lanzadeiras de emprego, ademais de ofrecer unha cualificación adaptada á demanda do mercado laboral, ofreceu aos seus participantes a oportunidade de acceder a un emprego. Así mesmo, puxo en valor a importancia da cooperación entre a Administración autonómica e os concellos para o desenvolvemento destes plans.

O director xeral avanzou que a Xunta está a investir este ano 3 millóns de euros no desenvolvemento dun total de 28 novas lanzadeiras de emprego en colaboración cos concellos das que se beneficiarán 1.600 persoas sen emprego. “O obxectivo é asegurar unha inserción laboral de mínimo o 25% dos participantes”, subliñou.

En Ferrol, Inserta 6 comezará o 1 de setembro coa participación de 60 alumnos e conta cun obxectivo mínimo de inserción do 45%.

Así mesmo, avanzou que o Goberno galego activará a próxima semana 4 millóns de euros para apoiar as lanzadeiras de emprego que levan a cabo as entidades sen ánimo de lucro.

Marnotes apuntou, por último, que esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está a impulsar o emprego estable e de calidade en Galicia. “A formación, capacitación e especialización é un dos eixos principais desta planificación que recolle diversas medidas encamiñadas a reducir a taxa de paro ata o 10% en 2020 e crear 100.000 novos empregos”, engadiu.

Esta Axenda tamén recolle, entre as súas medidas, o impulso dos obradoiros de emprego cos que o Goberno galego mellora a cualificación profesional das persoas desempregadas co obxectivo de favorecer a súa posterior inserción laboral. Cada proxecto ten unha duración de 6 meses e alterna formación e práctica profesional co obxectivo de mellorar a aprendizaxe, a cualificación e adquisición de experiencia profesional.

29 de xullo de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.